Domingo. 20.01.2019 |
El tiempo
Domingo. 20.01.2019
El tiempo

"VILALBA É DE ONDE SON, A MIÑA ORIXE E O MEU HORIZONTE CONSTANTE, AÍNDA QUE ESTEA LONXE"

Daniel Basteiro: "Os medios son o reflexo da sociedade, para ben e para mal"

Daniel Basteiro, nunha aula do seu antigo instituto
Daniel Basteiro, nunha aula do seu antigo instituto
O xornalista vilalbés foi o encargado de abrir os encontros con antigos alumnos que organiza o IES Basanta Silva no marco do Maio Cultural. A avogada Luz Airado collerá o relevo o día 16 e as irmáns Yolanda e Inma Purriños, ambas fotógrafas, o 23

DANIEL BASTEIRO é un xornalista vilalbés. Vive en Madrid, onde traballa cubrindo informacións políticas e parlamentarias para El Español. E onte regresou á capital chairega para participar no Maio Cultural do IES Basanta Silva.

Como se vive a volta ao instituto, pero como poñente?

Con moita alegría porque o meu instituto, que me deu tanto cando eu non me daba nin conta, teña pensado en min como alguén que pode devolver un pouquiño. Pero tamén con nervios, claro. O Basanta Silva impón.

Que pretendía transmitir?

Sobre todo, a ilusión por saír adiante facendo o que a un lle gusta. A un rapaz de Vilalba armado con curiosidade non hai reto que se lle resista. Tamén falamos da importancia de formarse ben, de esixir medios de comunicación de calidade e de estar ben informado para ser máis libre.

Estudou Xornalismo e abriuse un exitoso camiño profesional. Que lles recomenda aos que están sentados agora na aula, coa selectividade ás portas?

Que viaxen moito. Literalmente todo o que poidan, pero tamén coa imaxinación a través do cine, da música ou da lectura. Diríalles tamén que non poñan límites á imaxinación e que a potencien. Á casa dun non veñen as oportunidades. Quen non o intenta, non sabe nunca se pode.

E ao que quere ser xornalista?

Que saiba que escolle un camiño que pode ser difícil, pero tamén apaixoante. Ser xornalista é unha maneira inmellorable de coñecer o teu mundo e, aínda que sexa un pouco, axudar a melloralo. Mais en concreto, que se esforce por escribir ben, por adquirir unha cultura xeral e desenvolver intereses particulares, sexan os que sexan.

Perdeu credibilidade a profesión?

Nalgúns aspectos, sen dúbida. Que falemos de posverdade, que nos intoxiquen con bulos ou, aínda peor, que nos interesen, dinos que hai moito que mellorar. Pero a chegada de internet abre unhas posibilidades inmensas para os xornalistas e os lectores. Ao final, os medios son o reflexo da sociedade que os consume, para ben e para mal. Como os políticos. Nada nos é alleo.

É dos que ve na prensa un cuarto poder ou o control do poder?

Os medios de comunicación son actores con poder. Cambian percepcións e debuxan o perímetro da nosa información. E teñen intereses particulares. Pero todo iso conxúgano co papel de servizo público e de control ao poder. É un equilibrio complexo.

"Ser xornalista é unha maneira inmellorable de coñecer o teu mundo e, aínda que sexa un pouco, axudar a melloralo"

Foi correspondente de Público en Bruxelas. Antes xa traballara para outros medios en España, pero lanzouse á experiencia europea moi novo. Como o recorda?

Como a mellor decisión que podía ter tomado. Fun moi noviño, sen contrato, a ver se sobrevivía no meu. Acabei coñecendo Europa, cubrindo uns anos moi intensos de información e aprendendo idiomas. Foi a etapa da crise do euro e da débeda, dos rescates de Grecia, Portugal ou España e de moitos máis artigos e experiencias. Demostráronme o importante que é Europa e a pouca conciencia que temos dela.

Tocoulle unha época convulsa. Que foi o máis difícil?

Informar de asuntos complexos, como os económicos, nun lugar onde conviven varias institucións de por si moi arrevesadas.

Unha pregunta súa non respostada por Camps saltou a El Intermedio. Falta transparencia na política?

Moita. Precisamos políticos que asuman que os cargos non son seus senón que pertencen a aqueles aos que representan. E que por ese motivo teñen que dar explicacións constantes, especialmente sobre asuntos que lles sexan incómodos.

En 2012 trasladouse a Madrid para participar no lanzamento de El Huffington Post. O futuro pasa por internet?

Sen dúbida. Iso non quere dicir que non siga habendo xornais impresos, como radio e televisión. Pero o cambio tecnolóxico é imparable. Xa se nota en como mudan os nosos hábitos e na influencia crecente dos medios dixitais.

Que papel xogan as redes sociais no xornalismo? A inmediatez gaña a batalla ao rigor?

Todo depende de como as utilicemos. En si non son malas, son unha ventá ao mundo (a unha parte concreta del) e permiten o acceso á información de maneira máis rápida e tamén á marxe das institucións e dos grandes medios. Iso ten vantaxes. Pero moitas veces a inmediatez prima sobre calquera criterio profesional. Os medios deberían reflexionar se lles compensa publicar algo axiña e de calquera maneira ou uns minutos despois e con xeito.

Na era da sobreinformación, estamos mellor ou peor informados?

Temos máis posibilidades para estar mellor informados, porque podemos acceder de forma máis rápida, barata e desde onde queiramos. Non creo que agora esteamos particularmente peor informados. A responsabilidade é cada vez máis persoal.

En 2015 embárcase noutra aventura e entra no equipo que funda El Español. É inconformista ou precisa sempre de novos retos?

A vida foime levando e tiven a sorte de que cando xa sabía facer algo alguén me deu a oportunidade de aprender algo novo. Neste caso foi fundar un gran xornal en internet e participar na concepción mesma, dende que non había máis que unha páxina en branco. Despois, ter cuberto as últimas dúas eleccións xerais en primeira liña e asistir a un cambio de época no político foi un grande privilexio.

Cal é o reto do xornalismo?

Conxugar calidade, popularidade e independencia económica.

Acabábase o papel ou hai oco para convivir co mundo online?

Hai oco. Cando apareceu a radio hai quen dixo que o papel morría. Cando apareceu a televisión, tamén. Agora, coma daquela, os formatos teñen que evolucionar, pero sen asasinatos. Para estar informado xa non son imprescindibles os xornais en papel, pero moito do que fan ben é imprescindible en internet.

Onde ve o seu futuro?

Se mo preguntaran hai cinco anos, non houbera acertado. En principio, nos medios, que me gustan. E cada vez máis preto de Vilalba.

Daniel Basteiro: "Os medios son o reflexo da sociedade, para ben e...
Comentarios