Da soidade

ÁLVARO Mutis faleceu hai uns días, aínda que deixa moi vivo o seu álter ego, Maqroll, el Gaviero. Foi amigo de García Márquez e isto sírveme para falar de Gabo, a soidade e o realismo máxico.

Sinto admiración polo nobel colombiano, que xa non volverá escribir por unha enfermidade. Novelou como ninguén a soidade na súa grande obra ‘Cien años de soledad’, quizais a mellor novela xunto co ‘Quijote’.

Os sacerdotes exorcizan ós nenos contra Satanás nos bautismos e el escribía para afastar de si o feito de estar só. De ‘El coronel no tiene quien le escriba’ al whatsapp só hai por medio tecnoloxía.

Márquez foi un dos expoñentes do movimento do realismo máxico, dos anos 60 e 70 en SuRamérica, con Vargas Llosa, Asturias, Julio Cortázar e, con máis dúbidas, Alejo Carpentier e Borges.

Realismo máxico tamén hai en Galicia con Álvaro Cunqueiro e os soños do seu Simbad ou co ‘Bosque animado’, de Flórez, e ata con Torrente. A nosa terra é máxica porque ten unha forte presenza do trasmundo, de imaxinación e medos a carón da lareira.

Hoxe, cando escribo, chove e faime lembrar do Macondo de Márquez, cando un personaxe entraba na casa doutro e alí pasaba meses ata que parase de pingar. Penso na súa invención do home que levaba un saco ás costas cos ósos dos seus antepasados ou da soidade de Aureliano Buendía.

Comentarios