Da provocación ao abraio

actualidade praticamente está monopolizada pola problemática económica, coas suas doses de asombro, sorpresa, preocupación e cabreo. O outro día, alguén me contaba o caso dunha familia acomodada, mais ben millonaria, pero moi ben administrada, até o ponto de que sometian a un control exhaustivo o contador da luz, de xeito que ao chegar a unha determinada cantidade, cortában o subministro e pasaban a alumearse con velas. Mesmo quedaban privados de escoitar a radio, pois daquela non había televisión, nen aparellos de pilas. Mais o que comezou sendo unha divertida anécdota, converteuse en elemento de reflexión e de inquedanza. De aí pasouse aos acontecimentos provocadores, subministrados por aconteceres tan abraiantes como o da repercusión dos gastos persoais ao erario público, no incoerceible ámbito da xustiza.

Afortunadamente, o dia a dia ofrécenos exemplos de provocación sen acercarnos a esa zona das lumieiras do dereito e da ecuanimidade, cun brillo tal que pode resultar perigoso, ainda que non por cegador senón por omnimodo. Hai poucas datas, este xornal sinalaba que o profesor López Ibor -fillo naturalmente-, vencellaba a liberdade da vida moderna coa esquizofrenia. Pero non se trataba, nen moito menos, dun titular sensacionalista, posto que el mesmo aseguraba que entre outras moitas posibilidades explicativas da enfermidade, el optaba pola mais provocadora, convencido da virtualidade do debate. Non deixa de ser unha técnica, por mais que haberá quen abrigue dúbidas fundadas sobre as convicións democráticas do experto, partricularmente cando explica que a revolución francesa, a declaración de independencia dos Estados Unidos e a proclamación dos deietos humanos, forneceron a liberdade e o protagonismo propio, en substitución da férula dunha vontade superior e sacralizada Evidentemente non somos quen de discutir tais teorias pero iso si, cadramos conformes co seu carácter provocador e incitante.

Afortunadamente prodúcense novas próximas a ese fenómeno, ainda que un tanto alonxadas da etioloxia da demencia. Polas mesmas datas o presidente da Deputación da Coruña, segundo afirmaba outro notable titular, comparaba a fusión dos concellos de Oza e Cesuras coa boda dos Reis Católicos, que tampouco está nada mal no tocante a recursos expresivos e figuras retóricas. Pero xa postos, o cargo provincial aproveitando que asistia á inauguración dunha exposición sobre Alexandre Magno, asegurou, nun alarde de rotunda e contundente facundia verbal, que seguramente o grande conquistador utilizaria a sua habelencia coma gobernante en convencer aos veciños dos dous concellos da fusión. É unha verdadeira mágoa que se acuda tan pouco a este tipo de liña discursiva, arrequecedora do minguado nivel do argumentario político. Pero as fazañas de Alexandre en Persia, no Exipto e na India, hanse converter sen dúbida en paradigmas da fusión dos dous concellos coruñenes. Estamos convencidos da utilidade da prensa no ámbito escolar, pero casos coma este rebordan tal eido para penetrar no da socioloxía comunicativa, cando non na semiótica.

Comentarios