Da obxectividade

TEÑO para min que a procura da obxectividade debe ser un dos principios reitores das nosas vidas. Sei que non é cousa doada porque, como ensina o refrán, «todo é da cor do cristal con que se mira» e o cristal está tinguido polas nosas filias e as nosas fobias, polos valores que adquirimos ou pola súa ausencia, por intereses de tipo vario, pola información de que dispoñemos e por unha morea de cousas máis. Aínda así, con reflexión e vontade, podemos furar entre toda esa carga cromática para descubrir os matices das cousas. Porque as cousas teñen matices por moito que, a cadora máis, nos vaian pintando a realidade con cores planas.

O curioso é que podemos ser sinceros sen ser veraces. A sinceridade é a expresión da nosa verdade, mais esta non sempre coincide coa verdade obxectiva. O problema é que nos sobran dogmatismo e paixón e que nos falta practicar algo tan saudábel como é a dúbida.

Así sucede que nos comportamos como ‘hooligans’ en moitas facetas da nosa vida. O noso equipo (chámese partido político, amizades, credo relixioso ou calquera outro ámbito relacional) pode estar xogando dun xeito inadmisíbel, que o aplaudiremos e mesmo estaremos dispostos a lle esnafrar o nariz a quen nolo discuta.

Porén, os que fan máis visíbel a falta de obxectividade son certos políticos. As mesmas cousas que critican nos adversarios, practícanas eles coa maior das naturalidades. Podería poñer infinidade de exemplos, mais vou parar nun só.

Trinidad Jiménez, ministra de Asuntos Exteriores, lamentou a perda de vidas humanas no Sahara a causa das actuacións do exército marroquí. Non condenou porque, segundo dixo, habería que ter un coñecemento completo dos feitos e porque «as relacións con Marrocos constitúen unha prioridade na nosa política exterior». O descoñecemento dos feitos ben o puido suplir co significativo feito, perdóeseme a repetición, de que os xornalistas españois fosen expulsados daquel país. Onde non se quere luz é porque algo non serve para ver. Ademais o interese das relacións con Marrocos non pode pagarse coa moeda da inxustiza. Isto tráeme á memoria as declaracións doutra ministra de igual carteira que, fronte ao anuncio da implicación de España na guerra de Iraq, falaba da chuvia de beneficios que se ían derivar dela para o noso país. E, por último, o de lamentar e non condenar recórdame a posición hipócrita de certa esquerda abertzale que, malia dicir que lamenta os mortos a mans da Eta, endexamais condenou estes asasinatos. Seguramente por iso aquí temos moi clara a diferenza entre os verbos lamentar e condenar.

A proba do nove da obxectividade seguramente consiste en que as nosas actuacións resistan unha análise comparativa coas actuacións que rexeitamos nos outros.

Comentarios