Desde a Iliáda, as series de crimes na historia

"Unha boa serie, como 'Breaking Bad', ten un fondo transparente de traxedia, o home que non pode escapar do seu destino, aínda que tivese comenzado o seu percorrido con boa intención"
Walter White
photo_camera Walter White

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

DIFÍCIL, AO principio, comprender a literatura grega clásica. Os mitos  cambian de nome, enrédanse entre si, teñen versións, secuelas e ‘precuelas’, algunhas xa en época posterior, baixo o Imperio Romano. A Eneida, por poñer o exemplo quizais máis coñecido, é unha continuación alterada dos poemas homéricos. O propio Homero probabelmente non existiu e a súa obra quizais sexa unha decantación de moitos poemas míticos, transmitidos oralmente, en séculos anteriores.

A literatura grega clásica non se entende até que un a analiza nese marco de autores diversos, algúns case descoñecidos, que van tirando do fío, orixinando, como diriamos hoxe, novas temporadas e remakes.

Ao parecer, aqueles heroes tiñan éxito entre o público. O que non é estraño con tantos crimes, guerras e viaxes como protagonizaban. E tamén con tantos parricidios, violacións e incestos. A literatura grega clásica supera de longo o que consideramos politicamente correcto. Supera a nosa moral cristiá, aínda que só sexa porque en Grecia os deuses discuten entre eles.

Así entendida, veremos que outras literaturas non fan máis que seguir un procedemento parecido, aínda que rebaixado. É o caso das sagas nórdicas e da literatura artúrica. O rei Artur sae dunha obra inglesa para entrar noutra francesa. A historia do Grial case podería ser grega. É moi diferente o que vén despois? Só en parte. Os heroes medievais eran cabaleiros andantes, on the road, mataban dragóns e tiñan unha doncela agardándoos na casa, ao estilo, sempre rebaixado no seu drama, da Penélope de Ulises.

Os conquistadores españois, que se internaron no que se chamaría California, levaban nos seus macutos esta clase de libros de aventuras, igual que os soldados de Iraq levan películas de Stallone.

A literatura de cabaleirías era fundamentalmente francesa, aínda que foi un autor de Castela, Cervantes, o que a poñería do dereito e do revés e o que lle daría a súa clave humorística, o que significa ambigua e, polo tanto, cun certo parecido coas discusións gregas.

O seguinte epifenómeno da narrativa seriada, da narrativa que vai dos heroes tráxicos aos antiheroes modernos, pero sen rachar nunca o fío, é a das novelas do Oeste, que acadaron o seu cénit a través do cine.

As novelas do Oeste líanse como vicio, dobradas e metidas no refaixo, como despois se leron as policiais, para evadirse.

A novela negra ten a pretensión de retratar a sociedade, posúe unha moralidade estrita, disfrazada de nihilismo. É propia da nosa época desencantada, individualista e hipócrita, pero que aínda reserva un anaquiño do corazón para as paixóns máis puras.

Os gregos fixérono mellor ou iso nos parece, porque a maioría das súas obras nos chegaron expurgadas. De Arquíloco, o poeta dionisíaco, por exemplo, só nos quedaron retallos. O tempo é sempre un antólogo moi severo, incluso desapiadado.

As novelas e as películas de detectives invaden agora o noso mundo e o noso horario, mentres nos burlamos das novelas de cabaleirías e desprezamos as do Oeste, pero en realidade non avanzamos tanto. Ás veces mostrámonos incluso máis pudorosos. Cambiou parte do léxico, para designar as novas ferramentas e modas, pero no fondo nada hai máis cinematográfico que unha frecha envelenada no calcañar e a morte subseguinte de Aquiles.

Unha boa serie como Breaking Bad ten un fondo transparente de traxedia, o home que non pode escapar do seu destino, aínda que tivese comezado o seu percorrido cunha boa intención. Pero en Atenas ou en Esparta, Breaking Bad sería, tal vez, unha entre moitas, unha ensalada de crimes que lles causaría pouco asombro. E non digamos as series secundarias de Netflix, cos seus diálogos confusos, mentres os protagonistas camiñan por corredores vidrados. Esas, probabelmente, aburrirían un público acostumado a conflitos moito máis exuberante.

Comentarios