Da dignidade da navalla

Para a tardiña de hoxe luns está previsto un acto no Campo de Santa Isabel de Outeiro de Rei que servirá para honrar a memoria de Manuel María e nel será a navalla ofrenda e homenaxe, signo indicador que nos conducirá a todos até o antigo camiño do tempo ido para que saibamos chegar outra vez até a fonte da Poesía e vencer coa súa auga sempre fresca a sede amarga das ausencias.

E é que Manuel María foi de toda a vida home de navalla, e utilizo o singular aínda sendo coñecedor -e mesmo nalgunha ocasión humilde fornecedor- da súa proverbial colección delas porque así é como cómpre dicir entre xentes do común cando se fala daquela que utiliza o patriarca para partir o pan no xantar de familia, e o mozo namorado para gravar dous nomes propios na cortiza do ameneiro que se reflicte orgulloso no río, e o sinal que a nai orgullosa vai facendo no marco da porta da cociña cada noite de San Silvestre para que alí quede constancia da medra anual de fillas e fillos.

Desa navalla falamos e non da que ameaza, intimida ou manca. Falamos da que se comparte para a merenda ó abeiro do pendello despois de rematado o traballo, da que mondará a mazá de sobremesa para avoa, da que enfeitará con xeométricos debuxos o caxato do vello e a cadeiriña do cativo, da que provocará o escándalo finxido no maitre dalgún restaurante, da que será motivo de conversa e axudará no relato de lembranzas e antigas aventuras, da que leva sendo da casa varias xeracións e xa ten herdeiro predestinado, da que encetou o cigarro habano ó remate da cea cos compañeiros de ilusións futuras, da que un pode perder na carballeira de San Xusto indo de romaría ou volvendo dela...

Falamos da que labra o pao que será despois bailarete brincador, ou asubiadora frauta de sabugo, ou festiva tarabela, ou aradiño de xoguete que leve timón e chavella e unha rella furadora feita dunha lata vella, ou apoio e defensa daquel que anda nos camiños, ou esteo doutras esperanzas.

Falamos, está ben claro, da navalla do Manuel María. 

 

Comentarios