Da apatía á violencia

Debera estar preocupado o goberno, tamén a oposición. A nomenklatura política e o establishment económico teñen motivos de alarma. Ocurríu en Londres, nos arrabaldes franceses. Aquí estoupou Gamonal, agora Can Vies. Asistiremos a outras erupcións de cólera. Porque a crise está cronificada e a epidemia rematará en pandemia.

Certo que os poderes receitan potentes analgésicos: o paro como ferramenta de parálise, o medo como forma de domesticación. Ata que todo salta polos aires. Porque este capitalismo de casino é un arma de destrucción social masiva que conspira contra millóns de traballadores ata os transformar en escravos.

Velaquí a linguaxe dos políticos tramposos: din crecimiento negativo… por recesión; desindexación… por perda de poder adquisitivo; devaluación interna… por baixada de salarios; flexibilidade laboral por abaratar despido; gravame complementario por suba de impostos, impacto asimétrico da crise, por pagan os parvos; procedimento de execución hipotecaria por desafiuzamento; reformas por recortes; externalización por privatización; ticket moderador sanitario por euro por receita. Gobernantes ou tafures?

Caldo de cultivo para a desesperanza é a falta de oportunidades que expulsa do país aos máis novos e mellor formados. Iso, e a sementeira de ruído, alcohol e droga como placebo cando a vida é un drama.

O que de verdade se recorta co estado de benestar é a propia democracia colocando vaselina nos engranaxes sociais con miles de benintencionadas ONGs e a volta da caridade, mesmo na TVE: ese noxento programa Entre todos.

Os estoupidos de violencia serán cada vez máis graves e imprevisibles e non haberá policía abonda para frealos. A fenda da desigualdade levou por diante á clase traballadora, agora precariado: soldos de miseria, traballiños indignos e imposibilidade de organizar a vida, termar da familia e planificar o futuro. Estase chegando a tal situación que os máis ricos comportánse como tiburóns coa súa clase social: devóranse entre eles, unha vez eliminada a clase traballadora e a piques de desa-parecer a clase medias, espiñazo das democracias avanzadas.

Se a economía non está ao servizo das persoas, para que serve? Semella que a sociedade é incapaz de ofrecer esperanza á cidadanía e que o Estado xa non é paraugas que acubilla a todos. Secuestrado polos poderes fácticos, só ofrece oportunidades a quen pode pagalas. Interesa pouco a parafernalia que rodea aos gobernos, as institucións afastadas dos cidadáns, a monarquía, os infinitos tribunais superiores ao servizo duns poucos. A xente quere un goberno volcado co traballo, a sanidade e a educación, dedicado á vida cotiá, ao pan noso de cada día. Como diso non temos, a apatía é un magma soterrado que agacha unha infinita violencia.

Comentarios