Cynthia Arias: "Solo voy a repartir por encargo"

A produtora pontesa de Aleira trasladará a súa plantación de pataca a zona tampón de Xermade, a única alternativa viable para manter esa actividade
Cynthia Arias, nas terras que cultiva nas Pontes
photo_camera Cynthia Arias, nas terras que cultiva nas Pontes

Cynthia Arias, de Aleira, é unha das poucas produtoras pontesas que se dedica á venda de pataca. O pasado ano foi a primeira vez que sementou, e este, coa prohibición do Ministerio de Agricultura, terá que trasladar as súas plantacións ao municipio veciño de Xermade, incluído na zona tampón, e onde conta cunha pequena leira na que terá que seguir unha serie de estritos requisitos.

Esta é, pese a todo, a única alternativa que atopou a moza agricultora para poder seguir producindo patacas.«Mi madre tiene una finca en Cabreiros y será donde plante unos 3.000 metros cuadrados de semilla certificada», explica Cynthia, que ten previsto facelo a finais deste mes.

Nas Pontes a moza recalca que non hai grandes produtores no municipio, pero que a prohibición resulta un duro revés para moitos veciños. «Lo malo de esto es que mucha gente de a pie siembra patatas. Estamos hablando de un ingrediente indispensable, básico. La gente no quiere comprar la patata en el supermercado porque no sabe igual que la de casa, y eso va a suponer un problema de verdad», sinala Cynthia, que considera que falta información e que as medidas chegan tarde.

«Asistí a una reunión en As Pontes antes de que saliese el decreto y nos explicaron cómo plantar, no nos dijeron que no se podía. Unos días después ya se prohibió. Creo que tendrían que haber tomado medidas hace dos años cuando apareció, no ahora», di Cynthia, que agora deberá enfrontarse a un sen fin de normas.

Así, ao plantar a semente en zona tampón deberá informar de cando o fai, terá que poñer trampas de feromonas e ir cubrindo un caderno que aínda non chegou, reclama. «Falta información; por ejemplo, no sabemos todavía en qué tipo de sacos hay que envasar, ya que el decreto solo dice que hay que preparar todo para el consumidor final. ¿Y eso que significa?», pregúntase a moza, que o que si que ten claro é que non vai perder mercancía.

Por iso, cando acuda regularmente ás feiras nas Pontes, levará as patacas contadas. «Una vez que entras en zona infestada ya no puedes sacar nada, así que voy a vender lo que me encarguen previamente», conclúe Cynthia.

Comentarios