Custo baixo, tensión alta

d ICÍAMOS HAI uns días que o só feito de conseguir un billete nunha compañía aérea das denominadas de baixo custo xa constituía en si mesmo un deporte de risco. Si, de risco, porque hai que seguir uns pasos e mais uns prazos previamente fixados pola compañía sen posibilidade de negociación nen interlocución xa que o proceso se desenvolve entre a viaxeira e unha máquina por moi computadora que se chame. Poderíase pensar que, en lugar de tanta disquisición, o correcto é ir comprar os billetes a unha axencia, negociar cunha compañía aérea normal e esquecer lamentos. Si, podería ser, pero non é. No reparto de conveniencia das rotas, que fixeron as compañías multinacionais, no transporte aéreo de viaxeiros, quedaron para as de baixo custo determinadas rotas, destinos e frecuencias en lugares de certa singularidade e/ou de menor garantía de rendibilidade. E ás viaxeiras que desexamos chegar a algún deses lugares ou realizar conexións esquecendo a centralidade das capitais europeas, só queda recorrermos ás citadas compañías. Mesmo hai algunha que ten como representante máximo un persoeiro que semella un showman tirando á histrión e utiliza -ao fin da aterraxe- como sinal de cumprimento da calidade do servizo un pitido de corneta absolutamente lamentábel. En resumo, se queres ou debes viaxar desde Galiza ou Porto a calquer país europeo que non remate na capital do Estado xa sabes o que queda: ou pagar un disparate inaceptábel ou submeterse.

A tensión comeza sabendo que se precisas levar un bulto de 20 quilos debes pagar á parte (xa comezan as engádegas do prezo); se queres ter asento reservado, tes que pagar á parte; se tiveses o carnet de identidade caducado, non podes voar: retírante na entrada, non embarcas; se levas pequenos e non acatas as normas de identificación da compañía que parece que está desterritorializada e manda máis que o Estado, non embarcas; se levas un maletín que non entra no molde, veste na necesidade de quitar unha prenda e poñela enriba para que o maletín cumpra. O embarque convértese nunha especie de carreira pola rapañota dos asentos e -o que é máis importante- un lugar para o maletín, porque non hai orde nen concerto: o primeiro que chega ocupa asento e lugar para maletín. Aínda non empezou o voo e xa se pasou unha primeira fase. A segunda comeza co verdadeiro circo e ‘mercadillo’ que é a viaxe. Oferecen -non digo que vendan mais inténtano- de todo: comida, bebida, licores, perfumes, rifas -si, rifas como nos circos da nenez- prensa…. Un auténtico ‘entretemento’. É común observar os viaxeiros novos e os menos novos comeren e beberen do propio, estaren afeitos a subir e baixar escaleiras carretando a maletiña de mao, facer os cen metros lisos de pista para coller dous asentos á par (non colocan pasarela), levar nos petos prensa propia e para remate final un sonoro pitido de suposta alegría ou éxito. Xa trataremos o tema da pretensa seguranza.

Comentarios