Curso de restauración de mobles antigos en Lanzós

A asociación de veciños da parroquia vilalbesa de Lanzós, Asvela, organizou un curso de restauración de mobles ó que asistiron un grupo de 14 veciños da zona.

As clases, impartidas pola artista de Santaballa Clara Naseiro, prolongáronse tres meses e permitíronlle ós seus asistentes non só aprender os segredos para devolverlle o esplendor a madeira vella, senón tamén recuperar mobles que gardaban nos seus fogares e daban case por perdidos. Así, houbo quen apostou por mesas de distintos tamaños, unha mecedora ou mesmo un antigo armario.

«O curso foi todo un éxito, e a xente gustoulle moito», explica a presidenta de Asvela, Mar Alonso Coira, quen recorda que esta proposta, coma practicamente todas as actividades da entidade, estaba aberta a participación tanto dos socios coma dos que non o sexan.

Ademais destas dúas actividades formativas, a asociación de Lanzós organiza ó longo do ano outras actividades, coma máis cursos, varias excursións ou celebracións coma o magosto ou o Entroido, ademais de promover unha comida anual de confraternidade para os socios, que este ano está previsto que se celebre no mes de xuño.

Aínda que o curso de restauración de mobles se fixo no local do sindicato, por problemas de espazo, a maioría das actividades deste colectivo veciñal teñen lugar na sede do mesmo, a casa escola de Lanzós, onde nestas datas a asociación está a organizar clases de ximnasia.

A asociación de veciños de Lanzós naceu hai pouco máis de cinco anos co propósito de dinamizar esta parroquia vilalbesa e organizar distintas actividades para toda clase de públicos. Na actualidade, Asvela reúne xa uns 180 socios, residentes no lugar ou moi vencellados ó mesmo.

Comentarios