Con un corazón y con una sonrisa

A nena de Muimenta Rosalía Montero Núñez, de dez anos, vén de gañar o concurso 'Deseña unha xoia para a túa nai', no que viu convertido en realidade o seu orixinal deseño
Sabela, coa pulseira, e Rosalía.
photo_camera Sabela, coa pulseira, e Rosalía.

Á terceira foi a vencida. Rosalía Montero Núñez, veciña da localidade de Muimenta, vén de gañar o primeiro premio na categoría de oito a dez anos do certame ‘Deseña unha xoia para a túa nai’, que organiza o Colexio Oficial de Xoieiros de Galicia. E fíxoo tras chegar por terceira vez á final deste concurso no que participaba por cuarta vez.

Logo de presentar dous colgantes, esta vez quixo apostar por algo que fose a un tempo «orixinal, sinxelo e moderno», e foi así como ideou unha pulseira que é tamén un xogo, unha brincadeira entre ela e a súa nai, Sabela Núñez Singala, «encantada» cun agasallo que xa loce orgullosa no seu pulso.

«Miña nai escríbeme no chat pulsando as teclas <3 e intro e aparéceme un corazón na pantalla; eu contéstolle cun sorriso», explicaba Rosalía na súa proposta. Estas tres teclas nun lado e o corazón mailo emoticono sorrinte do outro como remates son os elementos principais dunha peza convertida en realidade polo xoieiro Ángel Fariña de Marín.

«Estaba nerviosa, porque o gañador noméase de último», lembra a súa nai dunha gala celebrada no Centro Galego de Arte Contemporáneo á que acudiron sen saber que gañaran un dos doce premios a repartir entre os 80 finalistas deste certame, no que participaron máis de 8.000 debuxos de toda Galicia.

As do concurso non son as primeiras xoias feitas por Rosalía. «Teño feito algunhas con boliñas e de coiro para min», lembra quen tamén ten intercambiado algunha peza cos amigos.

Rosalía, á que lle gusta «xogar ao fútbol e escribir» -conta xa cun bo número de premios no Concurso da Filloa-, non pensa en dedicarse profesionalmente á xoiería. «Gustar, gústame, pero é máis un ‘hobby’ ca unha maneira de gañarse a vida», precisa, avanzando que o que quere facer de maior é «Inef e algo relacionado cos animais».

Aínda así, non dubida en responder que si que volverá a presentarse a este certame na vindeira convocatoria. Quen sabe, quizais a súa nai consiga unha nova xoia, especial e única. Non todos os días unha mamá pode presumir de levar un complemento froito do amor dunha filla.

O xoieiro Ángel Fariña, de Marín, foi o encargado de crear a pulseira premiada polo Colexio Oficial de Xoiería de Galicia

Comentarios