Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

A cultura castrexa revive en Santaballa

Visita á recreación do poboado castrexo na parroquia vilalbesa de Santaballa
Visita á recreación do poboado castrexo na parroquia vilalbesa de Santaballa
Unha ducia de rapaces vilalbeses participaron este domingo no Día da Historia, unha cita na que se organizaron talleres de construción e de confección de tecidos

A loita do Patronato Pro-Escola Santaballesa por traer de volta ao presente parte da historia desta parroquia vilalbesa é unha constante. O último paso nesta batalla tivo lugar este domingo, coa celebración da segunda edición do Día da Historia, unha cita na que a cultura castrexa volveu revivir nas mans dos máis pequenos. 

As actividades, que se prolongaron durante algo máis de dúas horas, comezaron coa visita á recreación do poboado de Santaballa, un entorno único construído polos propios integrantes desta entidade, que intentaron facelo guiándose fielmente pola historia. Alí, unha ducia de pequenos puideron coñecer máis de preto como era a vida nos castros, e o que é aínda máis importante, de que xeito os seus poboadores construían as súas propias vivendas. 

Despois desa parte máis teórica, os participantes nesta cita, que pretende ter continuidade no tempo, desprazáronse á Escola Habaneira da parroquia vilalbesa, para poñer en práctica os seus recén adquiridos coñecementos. 

Así, coa axuda da firma Clío Recontrucción Histórica, confeccionaron un peche dunha palloza. Fixérono con varas de ‘ratán’, que posteriormente cubriron manualmente con barro. Toda unha delicia para gozar dunha xornada de vacacións entre amigos.

"O que pretendemos con esta actividade é o que facemos con outras moitas: dar a coñecer e mostrar a historia e prehistoria dos nosos antepasados, sobre todo aos máis pequenos", explicou Isidro Cillero, o presidente da Liga Santaballesa, satisfeito pola acollida desta iniciativa, que conta co respaldo da área de cultura da Deputación de Lugo. 

Logo de encherse as mans de barro, os pequenos participantes, empregando uns coloridos recortables, interiorizaron as distintas partes das vivendas que habitaban os castrexos, para despois dar paso ao segundo obradoiro da tarde. 

Nel, aprenderon cales eras as fibras naturais máis utilizadas na antigüidade, así como as ferramentas que empregaban os antigos poboadores para confeccionar teas. 

E non se quedaron só niso, senón que tamén tiveron a posibilidade de poñer en práctica eses conceptos, confeccionando eles mesmos dúas pezas cun pequeno tear, traballos que levaron de recordo para a súa casa.

Ademais destes obxectos, os pequenos gardarán na súa memoria moitas máis lembranzas desta xornada. E é que como incide Cillero, o máis importante era "enganchalos na historia e que sexan capaces de valorar o patrimonio que rodea a nosa parroquia". 

E parece que o fixeron, porque poñerse por un día na pel dos castrexos é un bo xeito de acadar os obxectivos marcados polo patronato, sempre en loita por revivir a historia.

A cultura castrexa revive en Santaballa
Comentarios