Cultivar o futuro no campo

A vocación agraria da provincia de Lugo influíu moito para que unha das primeiras escolas de enxeñeiros técnicos agrícolas de Galicia se implantara na capital provincial. Coa adaptación a Boloña, estes estudos adáptanse ás esixencias europeas.

o grao en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural é o resultado da adaptación ao Espazo Europeo Superior da titulación que desde hai máis de tres décadas se viña impartindo no campus de Lugo co nome de Enxeñaría Técnica Agrícola. Os alumnos que finalicen esta formación están habilitados para desenvolver a profesión regulada de enxeñeiro técnico agrícola.

Co plan de estudos anterior, ofertábanse catro especialidades vencelladas a este título: Explotacións Agropecuarias; Hortofruticultura e Xardinería; Mecanización e Construcións Rurais e Industrias Agrarias e Alimentarias. Porén, no Libro Branco das Titulacións de Grao en Enxeñarías Agrarias e Enxeñarías Forestais recomendouse dividilas en dous graos, e ese foi o camiño que tomou a Escola Politécnica Superior de Lugo. Deste xeito, o grao en Enxeñaría Agraria engloba as tres primeiras, e a cuarta, Industrias Agrarias e Alimentarias, constitúe un grao en si mesmo.

Segundo se indica na memoria do centro, este reparto das «catro especialidades actuais nestos dous títulos dá un reparto equilibrado da demanda que veñen tendo nos últimos anos as actuais especialidades dentro da USC».

Ao ser unha profesión regulada, o título debe cumprir uns requisitos de formación determinados para que os egresados poidan desenvolver as competencias que se reservan para esta profesión. Entre elas, está a preparación, concepción, redacción e firma de proxectos que teñan por obxecto a construción, reforma, reparación, conservación, demolición, fabricación, instalación, montaxe ou explotacións de bens muebles ou inmuebles que pola súa natureza e características estean comprendidos na técnica da produción agrícola e gandeira, tales como instalacións ou edificacións, explotacións, infraestruturas e vías rurales; ou da xardinería e o paisaxismo.

O profesional tamén debe ter o coñecemento axeitado dos problemas físicos, das tecnoloxías, da maquinaria e dos sistemas de suministro hídrico e enerxético, dos límites impostos por factores orzamentarios, da normativa construtiva e das relacións co seu entorno social e ambiental. Ademais, deberán relacionar todas estas cuestións coas necesidades humanas e de preservación do medio ambiente.

Os enxeñeiros técnicos agrícolas teñen ademais capacidade para dirixir a execución de obras para desenvolver os proxectos de explotacións agrarias e espazos verdes, así como as súas edificacións, infraestruturas e instalacións. Xestionan a prevención de riscos asociados a esa execución e poden dirixir equipos multidisciplinares de recursos humanos.

Outros cometidos que se lles atribúen son a redacción e firma de medicións, segregacións, parcelacións, valoracións e tasacións dentro do medio rural e os espazos relacionados coa xardinería e o paisaxismo, aínda que non teñan carácter de informes periciales para órganos xudiciais e admnistrativos e con independencia do uso ao que estea destinado o ben moble ou imoble obxecto das mesmas.

Ademais, este profesionais tamén poden ocuparse da redacción e firma de estudos de desenvolvemento rural, de impacto ambiental e de xestión de residuos de explotacións agrícolas e gandeiras e espazos relacionados coa xardinería e o paisaxismo.

Tamén se inclúe no seu eido a dirección e xestión das explotacións agrícolas e gandeiras, de espazos verdes urbanos e rurais, áreas deportivas públicas ou privadas con coñecemento, os procesos de calidade, trazabilidade e certificación e as técnicas de marketing e comercialización de produtos alimentarios.

Contido

Os alumnos teñen que cursar 240 créditos: 66 de formación básica; 132 obrigatorios; 30 optativos e 12 de traballo de fin de grao. Os optativos pódense cubrir, ademais de con materias que se ofertan para ese caso, con prácticas externas ou actividades universitarias.

No caso das prácticas externas, a Escola Politécnica Superior conta con 371 convenios con empresas e institucións para que o alumnado das distintas titulacións que se imparten nela poidan realizar prácticas en empresas. En total, ofértanse un total de 180 prazas nos novos graos que sustituirán á Enxeñaría Técnica Agrícola. Estas prácticas xestiónanse a través da Subdirección de Prácticas do Centro.

Profesorado

No curso 2008-2009, a Escola politécnica Superior contaba con 108 profesores para cubrir todas as necesidades docentes das catro especialidades que se desenvolvían dentro da Enxeñaría Técnica Agrícola. Entre eles, dous catedráticos de universidade; 38 titulares; tres catedráticos de escola universitaria; 20 titulares de escola universitaria; 19 contratados doutores; 2 axudantes doutores; tres colaboradores; oito asociados de universidade; dous asociados de escola universitaria e once doutras categorías. Deles, 97 teñen dedicación completa -aínda que tamén imparten docencia noutras tiulacións- e once, parciais.

En canto a infraestruturas, o centro dispón de seis aulas de informática, cunha capacidade total de cen postos, ademais de contar con cobertura de rede inalámbrica en todo o edificio. De xeito complementario, o centro dispón de 20 ordenadores portátiles a disposición dos alumnos.

Ademais, a EPS ten 18 laboratorios e 8 naves taller para as prácticas dos seus graos, ademais de dúas fincas de prácticas, unha para cultivos en invernadoiro, fruticultura, horticultura ou cultivos herbáceos; e outra pra prácticas de Fitotecnia, agricultra ecolóxica, ou mecanización agraria, entre outras.

Dentro das posibilidades de completar os estudos cunha estadía no estranxeiro, a Politécnica conta con convenios con varias universidades portuguesas, italianas, alemás, francesas, checas, belgas, húngaras, polacas, filandesas, gregas, maltesas, canadenses, cubanas, brasileñas, mexicanas, uruguaias ou chilenas, entre outras.

A Escola Politécnica oferta ademais varios másteres que lle dan continuidade ao grao de Enxeñaría Agrícola.

HISTORIA

  • Desde a época de Isabel II. Os estudos vencellados á Enxeñaría Agrícola teñen a súa orixe nos estudos de Perito Agrícola que se implantaron no 1855, baixo o reinado de Isabel II na Escola Central de Agricultura de Aranjuez. Dividíanse en enxeñeiros agrónomos, de carácter máis científico, e a de Peritos Agrícolas, de orientación máis tecnolóxica. Posteriormente, engadiríase unha terceira liña, a dos capataces agrícolas.
  • Técnicos e superiores. Os estudos foron cambiando. En 1957 as escolas técnicas achéganse á universidade , e en 1970 consolídase o modelo que inclúe as enxeñarías técnicas, de tres anos, e as superiores, que supoñen dous anos máis e que xa se puxera en marcha no ano 1964. A Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Agrícola de Lugo botou a andar no curso 1967-68. O segundo ciclo incorporouse 1987.

PERFIL
É bon ter capacidade para resolver problemas

En canto ao perfil de acceso, aínda que non se esixe unha formación previa específica, é recomendable que o estudante teña cursado a rama de Ciencia e Teconoloxía do bacharelato.

Cualidades

Entre as cualidades que os alumnos deben ter para esta profesión, inclúese a curiosidade intelectual, hábito de lectura, capacidade analítica e crítica ou capacidade de aplicar fundamentos para a resolución de problemas, para traballar en equipo e para usar o tempo de forma efectiva. Tamén é útil amosar constancia e responsabilidade no traballo; ter competencia lingüística en inglés, además de en castelán e en galego; competencia en ferramentas informáticas básicas e coñecementos en Debuxo Técnico, Química, Bioloxía e Xeoloxía a nivel bacharelato.

Comentarios