Culpables

TRABALLEI de mestre de escola durante corenta anos. (Alguén poderá pensar que utilizo o verbo co que comeza a frase co ánimo de incomodar os sensibles oídos de dona Esperanza Aguirre, dona Ana Botella e mais os de todas e todos os demais donas e dons que estes días andaron a botar a lingua a pacer desde diferentes tribunas laretando sen moito xeito sobre o labor dos profesionais do ensino. Pois que ese alguén non teña dó xa que, como el e mais eu sabemos ben, as posibilidades de que algunhas das persoas ás que me refiro cheguen a ler isto son practicamente nulas..., e se aínda así segue a pensalo, tampouco non lle vou negar que estea no certo). Corenta anos, digo, e en todo ese tempo, que non é pouco, fun incapaz de me decatar da parte de culpa que me corresponde na desfeita que acabaría por provocar a crise na que agora patexamos desesperadamente, loitando para non afondar.

A demostrada incompetencia de moitos dos encargados de xestionar os bens que son de todos, a contumaz falla de previsión de uns e outros, a xeral escaseza de miras, o descontrol interesado dos cartos públicos, a obscena corrupción, insolente por consentida, que a todos os estamentos enzoufa, as caralladas de Leheman Brothers Holdings Inc. e toda esa grea de corvos noxentos ao axexo da prea máis débil, a rapina subvencionada da Banca, o suposto xogo duns entes abstractos e incontrolables aos que chaman ‘Mercados’, os rabaños de especuladores movéndose ao son monótono do recitado dunha táboa de multiplicar exclusiva, os Murdoch indecentes corruptores da opinión pública e manipuladores dos títeres políticos aos que lles fabricaron o escenario, tantos deses homes que mercan outros homes e tantos deses homes que se venden a outros homes, os cínicos cultivadores dun fraude traxicamente insolidario, os compoñentes dese nutrido exército de corricas e lambecús que engordan coas faragullas de inmoralidade que apañan por baixo das mesas de certos despachos..., nada teñen que ver con todos os problemas que agora estamos a padecer. Eles son xente de amplos horarios, alto standing, noites espumosas e boas relacións onde hai que telas, que é xustamente onde acaban de facer o gran descubrimento, tan grande que nin o propio Friedman foi quen de dar con el:

Quen realmente ten a culpa de todo son os profesores, ese fato de mulleres e homes que non soamente se negan a recoñecelo e non se arrepinten, senón que aínda seguen coa teima de corrixir as faltas de ortografía. E sen ter en conta quen son os que as cometen.

Comentarios