Cuestión de enfoque

AOS HABITUAIS estímulos da vindeira campaña, que son os comicios municipais, algunhas comunidades engaden as eleccións autonómicas que, cando menos na nosa veciña -a asturiana, porque tamén lindamos coa de Castela e León-, contan co engadido dun candidato que irrompeu na aparente pracidez do Principado, ou sexa o señor Álvarez Cascos, outrora vicepresidente e ministro co que foi ‘premier’ señor Aznar. Pois ben, hai poucos dias o candidato por Foro Asturias fixo unha ofrenda floral perante a estatua do rei Alfonso II o Casto, nas imediacións da catedral de Oviedo, algo que por aquí pasou desapercibido, pero que por aló tivo certa trascendencia mediática, quizais pola dobre lectura á que se presta a actuación.

Digamos para comezar que Alfonso II foi un dos reis asturianos de máis longo reinado e de ímpetos expansionistas, concretamente cara Galiza, segundo algunha historiografia autóctona. Como é sabido ordeou construir o primeiro templo que acolleu as reliquias do Apóstolo, e na propia Compostela erguéuselle unha estatua. Pero foi ao pé da de Oviedo onde o candidato señor Álvarez Cascos depositou as significativas flores, vencelladas a un sentimento de afirmación rexional, con ínfulas que superan as lenes alusións que profiren grupos de carácter mais folclorista e tipico.

Pero a figura do rei Alfonso ofrece outras posibilidades interpretativas derivadas do seu apodo ‘el Casto’, xa que segundo cronicóns coetáneos sinalan, o rei, ainda que casou, non mantivo relacións íntimas coa sua dona. E velaí un carácter engadido ao de mítico adail da primixenia patria, que se presta a dúbidas e retesias polo que fai ás ofrendas florais, ainda que na nosa modesta opinión, neste caso concreto as rosas e os caraveis, orquideas e limonium e, mesmo, o heroico loureiro, ian exclusivamente destinados a homenaxear o carácter emblemático e precursor de aquel rei de tan dilatado reinado. Cousa diferente seria se falaramos dun seu ex compañeiro de partido, o señor González Pons, que foi pregoeiro da Semana Santa Mariñeira de Valencia, e que non tivo maiores dificultades para converter o seu parlamento nun acto contra o Goberno. Daquela declarara que a paixón de Cristo era por si mesma un «acto pro vida».

Claro que aquilo é Valencia. Polos nosos lares non se andan con tantas subtilezas: hai poucos dias o PP celebrou unha misa en Poio e colocou dous cartaces no altar franqueando ao oficiante. No medio da polémica que se montou, un xornal publicou unhas expresivas fotos, onde se apreza perfectamente a escenografía. Pero o mellor foi a resposta do candidato popular, que calificou as instantáneas de mal intencionadas: dixo que se fosen tiradas desde máis cerca só se veria o cura. Un verdadeiro xenio do enfoque a escala reducida e da pantalla prepanorámica este candidato!

Comentarios