Cuba no furacán

Desde que comezou a revolución cubana a illa caribeña estivo sometida a un bloqueo económico, a intentos de invasións militares e a intensas e sistemáticas presións políticas. Sobre todo despois da desaparición do bloque soviético nos noventa, resulta sorprendente que se mantivese o réxime cubano nas condicións máis difíciles, aturando todo tipo de treboadas. Con isto evidénciase que non só unha nomenklatura gubernamental sería partidaria da continuidade da vía cubana ao socialismo, senón tamén amplísimos sectores da poboación.

Nun mundo ensumido no capitalismo global, na uniformización e desertización ideolóxica do pensamento único neoliberal, Cuba constitúe unha excepción. O mundo occidental desenvolvido e postmoderno, no que a súa socialdemocracia renunciou á dialéctica hegeliana e á inevitábel e real loita de clases, conseguindo que a poboación acadase un estado postpolítico, como diría o filósofo esloveno Zizek, entende cada vez menos que haxa sistemas políticos de ideoloxía diferente á neoliberal, como é desde o caso de Cuba e máis recentemente o de Venezuela.
   
Non se pode comparar a Cuba coa Europa occidental desenvolvida en parámetros económicos e de benestar social. Porén, se a comparamos cos países latinos da súa contorna, onde sempre estará situado o país, con comunismo ou capitalismo, pódese afirmar que o socialismo cubano foi altamente beneficioso para a maioría social, porque erradicou a fame e o analfabetismo entre a poboación, conseguiu unha elevadísima taxa de titulados universitarios e garantiu unha sanidade gratuíta para todos, da que se carece nos mesmos EEUU. A realidade latinoamericana de miseria e analfabetismo xeralizados, de nenos abandonados nas rúas, de asasinatos sistemáticos -como os dos 120.000 dos paramilitares colombianos-, de falta absoluta de dereitos humanos civís e sociais, esa si que é grave, e é a que debería levar a campañas políticas e mediáticas.
   
Mortes como a do opositor e delincuente común Orlando Zapata son lamentábeis e deberíanse evitar. Estados europeos moi próximos foron denunciados por Amnistía Internacional de que neles se cometen torturas. Na mesma Franza nos dous primeiros meses deste ano houbo 22 suicidios en prisión. O PP segue coa súa campaña contra Cuba, mais o seu cinismo lévao a esquecer a condena dos miles de crimes do franquismo, a existencia do campo de concentración de Guantánamo ou a invasión presente de dous países por parte das tropas norteamericanas. Tampouco cita á monarquía alauíta, corrupta e que  esmaga os dereitos humanos dos saharauís e da poboación propia. O PP só acosa aos gobernos que non forman parte do seu ideario neoliberal, como Cuba e Venezuela, e que dificultan os seus intereses económicos.
   
Sería bo, como di Silvio Rodríguez que se efectuasen cambios para mellorar o réxime cubano, mais mantendo o seu socialismo. Que deixen a Cuba tranquila desenvolver o seu modelo político e progresar nel. Existen outras posibilidades distintas ás que determina o neoliberalismo omniabarcante que nos levou a esta crise, porque moitas das ideas de Marx seguen sendo válidas, con independencia de que se frustrase a súa realización nalgúns países.

Comentarios