Cuatro esquinitas tiene mi cama

Mostra sobre Díaz Castro na Capela de Santa María de Lugo. Foto: J. VÁZQUEZ / AEP
photo_camera Mostra sobre Díaz Castro na Capela de Santa María de Lugo. Foto: J. VÁZQUEZ / AEP

O PADRE FÉLIX GARCÍA era tan dogmático como voluntarioso. En outubro de 1955 logrou que Ortega y Gasset permitise que lle dese a extrema unción, aínda sendo «librepensador» -que lle reprochaba a miña tía Charo-.

En febreiro de 1962 volveu á carga contra Julio Camba. Achegouse ata o hotel Ritz de Madrid levando os santos óleos. «Rece un padrenuestro», pediu ao escritor. «É que non o sei», contestou Camba. O cura suspirou lembrando que estaba ante dun anarquista que se convertera a cambio da regalada vida burguesa: «Ben, pois un ‘Deus te salve, María». O galego sorriu con retranca: «Válelle o ‘Cuatro esquinitas tiene mi cama’?».

Nunca deixarei de laiarme de que Camba non escribise en galego, porque nos daría un homenaxeado magnífico para as Letras Galegas. Nada mal nos foi este ano, bastante mellor ca con María Mariño ou ca con Xocas.

Díaz Castro deixou unha obra sólida, malia legar unha obra solitaria. Aínda se escoitan críticas dos que valoran a literatura segundo o seu peso bruto.

Porén, o poeta de Guitiriz carecía da dimensión do humor que tiña Camba. Talvez teño esa percepción porque non asistín á montaxe de Pedro Brandariz, ‘Díaz Castro, tradutor’. Seica que lle tira chispa aos poemas de ‘Nimbos’. Meritorio. Seica as letras galegas acenden a imaxinación. As letras que teñen que pagar os actores galegos, enténdanme.

Celso Parada renunciou a celebrar os 25 anos da súa compañía, Teatro do Noroeste, como desexaba. No canto de facer «unha montaxe con oito ou nove actores» desenterreu o monólogo ‘Misterio cómico’. Na peza, de Darío Fo, Xesús é un neno inmigrante que fai milagres para conseguir amigos. Un xeito espectacular de combater a soidade.

A soidade non sempre é negativa. O bo dos monólogos é que abonda un salario para financialos. Celso Parada non ten os custos que vai ter a compañía Voadora. O grupo abriu unha caixa de resistencia na plataforma Verkami porque lle faltan dúas nóminas de 1.300 euros ao mes para a montaxe de ‘A tempestade’, con nove intérpretes.

A escena galega perdeu a terceira parte do seu público no pasado ano. Hai tantas interpretacións dese dato como sobre as intencións de Shakespeare cando escribiu a súa enigmática ‘A tempestade’.

O director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede, que nunca interpreta un papel cando fala, denuncia que o teatro galego non soubo evoluír como fixo o catalán, que non soubo pasar do «teatro de circunstancias», que naceu como puido en Ribadavia en 1973, ao «gran teatro».

Avelino González, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, retrucou que «o teatro galego é homologable co catalán», sendo «a diferenza» que non ten o mesmo apoio da Administración nin a mesma visibilidade nos medios de comunicación.

Xa nos gostaría a moitos que fose certo o que sostén Avelino González, que é problema de cartos, mesmo aos que traballamos en medios os encantaría que o teatro galego asomase a cabeciña fóra do eixo Santiago-Narón para poder informar.

Celso Parada protesta: «O noso teatro non pode ser de billeteira», é dicir, un sector que viva da súa capacidade de interesar ao público para que pague.

Esta semana abriu unha montaxe sobre Díaz Castro na Capela de Santa María, de Lugo. Un espectáculo armado con catro cadelos. Señores do teatro, a comisaria é Cristina de la Torre. Non teño o número de teléfono a man. Búsqueno en Google.

A mágoa foi que Lenin non entrase curiosear no Cabaret Voltaire de Zúrich

VLADIMIR ILLICH Lenin vivía en 1916 nun apartamento cotroso de Zúrich. Apestaba ás salchicas que se cocían nunha fábrica cercana. O líder comunista era tan adusto que nunca debeu de avanzar unhas decenas de metros pola rúa Spiegelgasse para entrar nun teatro que había alí. Aínda máis, nunca debeu ter a máis mínima intención de subir ao andar superior a ese teatro, onde Hugo Ball e os obxectores de conciencia exiliados da Gran Guerra montaron o Cabaret Voltaire, onde parodiaban as profundísimas representacións que se facían no baixo.

Meses máis tarde, Lenin colleu un tren para Rusia. A Historia tería sido ben outra se, a maiores de todo o poder para os soviets, tivese pedido un alivio de humor.

Nese lugar naceu o ‘Si, si’, o ‘Dadá’ en ruso, a variadade máis gamberra e pueril do surrealismo. A ver se vai ser iso o que precisa o teatro galego para sobrevivir. Celso Parada ten claro que «soamente enche Carlos Blanco».

Certamente, o humorista estase aburrindo de encher con ‘Menudo día’. Nese espectáculo, Carlos Blanco vai narrando acompañado polo debuxante Luis Davila, quen vai ilustrando as súas historias.

Non menos frescos eran os artigos que Julio Camba escribiu durante su etapa de inmigrante ilegal en Arxentina e que se recollen en ‘¡Oh, justo, sutil y poderoso veneno!’ (Pepitas de Calabaza). En 1907 quixo regresar, pero non tiña un can. Foi ao centro de Bos Aires e botouse a berrar: «¡Viva a anarquía!» ata que a Policía o detivo e procedeu a extraditalo.

Unha mostra de que Ortega levaba razón cando afirmou «Camba era o logos, a máis pura e elegante intelixencia de España».

Ségueme: BLOG / TWITTER

(Publicado na edición impresa o 17 de mayo de 2014)

Comentarios