Cruz

Alegrarse do oscar recibido por Penélope Cruz como mellor actriz de reparto non evita afirmar que Vicky, Cristina, Barcelona é unha película peor que mala. En campaña, aceptar que as diferentes opcións políticas se desacrediten e se ridiculicen para repañar uns votos non o xustifica todo.

Así, as referencias á lingua de cara ao 1-m resultan lamentables. Porque que os partidos que apoiaron a Lei de Normalización Lingüística en 1983, anden agora a empregar a lingua como sanguiñolenta arma electoral manda truco. Manda truco que o PP, que no seu día apoiou a lei que nos une, ande a tentar sacar réditos da estratexia de Rosa Díez de facer da lingua un confrontación.

Manda truco que a área de goberno máis valorada da Xunta segundo o CIS sexa a política lingüística e que Touriño –que mantén na carteira socialista a xestión desa área- fale de imposición. Que o faga un candidato socialista sería cuestionable nas regras do xogo electoral pero que o faga o actual presidente de todos os galegos e galegas é a todas luces vergonzoso.

Así pois, gañen uns ou gañen outros, ¿será a súa intención real cortarnos a lingua ou simplemente se trata de turrar con iso para evitar debates sobre problemas reais dos que carecen de respostas?

Comentarios