Crónica visual doutros tempos

O proxecto Os Vilares, Lareira de Soños recupera a figura do vilarego José Lobeiras Gómez, 'O Armeiro', quen durante décadas retratou instantes de vida e de morte en Guitiriz e no contorno. A entidade traballa na posta en valor dun cento de fotos feitas por el, o seu único legado, fóra das que poidan gardarse en álbums particulares.

CALQUERA CUN móbil, unha tablet ou, por que non, unha cámara, pode facer unha fotografía. Mais o que hoxe é unha realidade cotiá, non hai tanto era unha arte reservada só a uns poucos. A xente vestía as súas mellores galas para posar ante aqueles grandes aparellos e buscaba deixar constancia de momentos relevantes da vida... e da morte. En cada lugar había un fotógrafo de referencia, que capturaba momentos que agora son anacos de historia, testemuñas gráficas dun mundo que está moi preto, e ao mesmo tempo moi lonxe deste século XXI marcado polos avances tecnolóxicos.

En Guitiriz, ese retratista de cabeceira foi durante moitos anos José Lobeiras ‘O Armeiro’, un polifacético veciño dos Vilares que facía fotos, aínda que tamén desempeñaba outras múltiples ocupacións: «Foi ebanista, amañaba armas, exerceu de xoieiro, quitaba moas e foi o primeiro en colocar canalóns de cinc na comarca», conta Pastora Veres, responsable do proxecto Os Vilares, Lareira de Soños, no que se recupera a figura deste ilustre veciño de Berulfe.

Ía en bicicleta coa súa cámara nun caixón, unha «máquina de tres pés» coa que facía fotos que podía revelar ao momento

«Contan que nunha multitudinaria romaría dos Desamparados, o crego, apartando cun pao aos romeiros da virxe, rachouna cun desafortunado golpe e berrou para que trouxeran ao Armeiro de Berulfe, ao non saírlle o nome cos nervios, e así lle quedou o alcume», explica Pastora sobre unha das moitas anécdotas que recollerá no seu libro sobre a parroquia vilarega, documentadas grazas a Fidel Lobeiras, fillo do Armeiro.

«Meu pai foi o primeiro desta zona, ía por Guitiriz, Parga, Xestoso, Cambás... chegaba ata Teixeiro», lembra Fidel, que aínda ten moi presente tanto aquela «máquina de tres pés» coa que andaba O Armeiro e que lle permitía «revelar no momento, nun cuarto de hora», coma as risas que lle facían cando era pequeno co ‘pajarito’, xa que seu pai tiña o costume de dicir «Mirade aquí un ‘pajarito’».

«Andaba nunha bicicleta, porque non había estradas e a máquina que tiña ía nun caixón», conta, precisando que seu pai xa facía fotos antes da guerra, e tamén durante esta: «Daquela non había mozos, só vellos ou cativos, e as mozas estaban todas soas, así que facían fotos e mandábanllas aos mozos á guerra, a ver se despois as viñan ver».

Fidel lembra tamén que, como «nos Vilares non había luz», seu pai montara un laboratorio en Parga. «Pola noite ía revelar e polo día íalles sacar fotos aos soldados» do campamento de Santa Cruz: «Fixo moitas, ata que veu un sarxento que as facía el e xa non lle deixaron volver».

«Facía fotos de todo tipo», reume Fidel, que tamén aclara que seu pai lle «daba a todo». «Dedicábase a traballar de armeiro, porque montaba pistolas, escopetas..., ía ao rastro á Coruña e compraba e vendía, facía aneis, amañaba máquinas de coser, carburos... compoñía todo, ata os santos do crego», enumera sobre o carácter emprendedor do Armeiro, quen ata tiña lámpadas Petromax para alumar nas festas.

A colección inclúe retratos de nenos, parellas, grupos, militares, feiras ou festas e ata mortos

«E así ía sacando unhas pesetiñas para poder vivir», conclúe Fidel quen, ademais de compartir estas e outras lembranzas sobre seu pai, finado fai máis de tres décadas, con Pastora, lle confiou o que gardaba del, ao redor dun cento de fotos e algúns negativos que esta puxo en mans do fotógrafo Moncho Fuentes para a súa clasificación, recuperación e futura publicación.

«Son fotos pequeniñas que conxelan o tempo desa época, que nada ten que ver cos tempos de agora», di Moncho sobre unha colección na que figuran retratos de nenos, parellas, grupos, militares, feiras ou festas e mesmo mortos.

«Aqueles fotógrafos retrataban a realidade pola rúa, nas feiras todos miraban para eles... capturaron unha época para que as futuras xeracións poidan vela, porque hoxe os nenos andan cunha tablet, pero non ven un zoqueiro facer unha zoca», conclúe.

Comentarios