A crise ponse branca

Por moi negra que se poña a situación económica, a cor branca é a da crise. Fíxese, senón, en como as marcas brancas gañan espazo no carro da compra, provocando o aforro nos fogares e o monumental cabreo das firmas tradicionais.

Tan grande é o perigo que senten os executivos das primeiras marcas que nos consellos de dirección deciden incluír na promoción dos produtos frases que aluden á súa exclusividade e que ademais negan a fabricación para outras marcas de, digamos, segunda categoría.

Entrando de cheo no sector primario e sen marchar tampouco do sector da alimentación, o leite, que tamén é branco, está en crise, que llelo pregunten aos gandeiros que están a recibir só 0,28 euros por litro. Tamén nese caso ten moito que ver o conflito das marcas. Os distribuidores compiten entre eles e queren gañar máis baixándolles os prezos de compra aos produtores e axustando tamén os de venda, polo que botan man das marcas brancas.

Sigamos co branco. Recentemente, tocounos votar para elixir Goberno da Xunta de Galicia. Unha marea de 28.000 sobres sen papeleta no seu interior elixiu non elixir entre as distintas forzas políticas que se presentaban e manifestar, así, o seu desacordo, ben co Goberno, ben coa oposición (ou ben cos dous) acudindo ás urnas en cívica protesta. Fixo caso a clase política da protesta silenciosa dos votos en branco? Ten intención de facelo algún día?

Pensemos agora en vermello. Seguindo a Leonard Lauder, ex presidente da marca de cosméticos Estée Lauder, hai quen establece unha relación moi directa entre crise e aumento nas vendas de pintabeizos, especialmente os vermellos. Trala recesión económica que sufriron os Estados Unidos despois do 11-S, advertiu como medraban as vendas destes cosméticos e, daquela constatación empírica, naceu a tese do carmín como indicador de recesión.

De acordo coa teoría de Lauder, as consumidoras combatirían a incerteza e angustia económicas botándolle cor aos beizos e, polo tanto, untando a vida cun pouco bo humor. De ser certa a teoría, ao leite, ao voto e ás marcas cumpriríalles algo de colorante.

Comentarios