A crise de Pescanova

Pescanova foi considerada durante anos como un modelo de empresa integrada que operaba no conxunto de actividades que van da acuicultura e a pesca, coa súa propia flota, ata o procesado do peixe e a súa comercialización. Era unha das grandes empresas de alimentación e estaba nun dos primeiros postos na actividade pesqueira con filiais establecidas nun grupo amplo de Países.

A finais de febreiro e en cuestión dunhas poucas semanas a súa cotización veuse abaixo ao poñerse en dúbida os seus resultados e a súa situación financeira. O problema continuou coa intervención das súas contas polo xulgado coa suspensión de pagos en abril, a denuncia de irregularidades por parte da Comisión Nacional do Mercado de Valores e a apertura dunha causa pola posible existencia de delitos na Audiencia Nacional. A recente publicación do informe por unha empresa auditora puxo de relevo a existencia dunha débeda moi elevada duns 3.300 millóns de euros, o dobre da que declarara hai uns meses, que deixa ao grupo en creba técnica cun patrimonio negativo duns 900 millóns.

Malia estes graves problemas Pescanova pode ser unha empresa viable pola súa boa situación no mercado e polo prestixio das súas marcas, sobre todo nos conxelados de peixe. Para iso deberá obter unha ampliación do seu crédito a curto prazo para poder seguir realizando os pagos aos seus traballadores e provedores que lle permita seguir vendendo os seus produtos no mercado, pois calquera ruptura ou descontinuidade nas súas vendas agravaría e complicaría a súa situación. De todos os xeitos a solución da súa crise vai ser custosa con vendas dalgunhas das empresas que controlaba e dos investimentos realizados en Países Suramericanos que eran parte da súa vantaxe na integración das actividades. E tamén no control do seu capital, que xa era menos galego do que se supoñía.

Os problemas de Pescanova parecen ser orixinados por un elevado endebedamento para soster o crecemento da empresa polo menos no período dos últimos dez anos, que ademais contaba cunha elevada participación das dúas Caixas de Aforro no seu capital antes de que estalase a súa propia crise. O informe da auditora sinala unha serie de irregularidades contables realizadas polos seus dirixentes e a creación dun enramado de empresas para ocultar a súa débeda e alterar os seus resultados económicos, nunhas operacións que foron realizadas de modo planificado. No fondo estamos ante un problema dunha burbulla financeira que se foi creando cos anos por medio dunha xestión moi personalista e escurantista que parece que pasou desapercibida ante parte dos accionistas, da empresa que auditaba as súas contas, dos analistas de mercado, das entidades financeiras e do propio supervisor do mercado de valores. Unha burbulla que estaba baseada no convencemento de que todo sobe e o problema xa se arranxará co paso do tempo, como pensaban boa parte dos empresarios metidos nos negocios inmobiliarios.

Non deixa de ser curioso que unha parte das perdas da empresa nos últimos anos sexan debidas aos problemas atopados na planta de rodaballo construída en Portugal por negarse localizar en Galicia un emprazamento alternativo ao que pretendían establecer no cabo Touriñán.

Comentarios