Martes. 18.09.2018 |
El tiempo
Martes. 18.09.2018
El tiempo

A crise da pataca roza a Terra Chá

Patatas
Patatas
Os concellos de Abadín, A Pastoriza e As Pontes, demarcados en zona infestada, son os máximos afectados pola presenza da couza guatemalteca, se ben a praga desta especie invasora tamén lle afecta ao resto dos municipios limítrofes e, polo tanto, a milleiros de veciños, que reclaman máis información e unha pronta solución.

A COUZA guatemalteca da pataca, tamén coñecida como Tecia Solanivora, xa está asentada na comarca da Terra Chá e nas Pontes. Polo momento a súa presenza resulta insignificante, xa que son tan só tres -dun total de 13- os concellos infestados. Porén, os estragos e as incomodidades que sofren produtores e comerciantes convértena xa nunha das peores pragas vividas dende hai lustros.

A orixe desta especie sitúase nos anos 70 en Guatemala, dende onde se foi estendendo a través de América Central ata América do Sur. En toda Europa só estaba presente nas Illas Canarias, onde se observou por primeira vez en Tenerife no ano 1999.

A introdución no territorio peninsular puido chegar, segundo confirman os expertos, a través do comercio marítimo ou o transporte de patacas de Colombia, Ecuador ou Venezuela. Así, en Galicia foi detectada no ano 2015, sendo as primeiras zonas afectadas as de Ferrolterra e A Mariña.

A día de hoxe, o número de municipios infestados creceu proporcionalmente á expansión da praga -son 36-, incluíndo dous concellos chairegos, Abadín e A Pastoriza, ademais das Pontes.

Segundo transmiten os técnicos da área de Sanidade Vexetal da Xunta de Galicia nas charlas informativas que se suceden en distintos municipios da volta ante a inquietude xurdida, a Tecia aliméntase só de tubérculos de pataca, podéndoa atacar tanto no campo como no almacén.

Na súa fase de couza, os adultos son nocturnos e voan distancias curtas. No campo, poñen os seus ovos -entre 150 e 300- no chan, ao pé da planta da pataca ou no mesmo tubérculo. As larvas emerxentes, inicialmente de cor rosado, entran na pataca e aliméntanse dela construíndo galerías, que van aumentando en tamaño e fondura, e completando no seu interior as distintas fases larvarias, xerando a destrución da mesma.

Os técnicos insisten en que a couza guatemalteca só produce danos nos tubérculos de pataca, e non se desenvolve noutros cultivos, polo que a súa presenza pasa normalmente desapercibida ata o momento da colleita.

En canto á dispersión, esta pode darse de xeito natural, debido á gran cantidade de pequenas parcelas de cultivo de pataca que existen en Galicia, pero, segundo está confirmado, a principal vía de dispersión ten que ver co movemento de tubérculos afectados, sobre todo a longas distancias, debido á gran capacidade de desenvolvemento que ten esta praga dentro do almacén.

Unha vez que as autoridades confirmaron a presenza da Tecia Solanivora en Galicia, publicáronse varias resolucións da Dirección Xeral de Gandaría e Industrias Agroalimentarias no Diario Oficial de Galicia (DOG). A última delas data do 8 de marzo deste mesmo ano, e nela establécense unhas demarcacións: zonas infestadas, zonas tampón e aquelas que están totalmente libres da couza guatemalteca.

Ata o momento só permanecen en situación de risco real Abadín, A Pastoriza e As Pontes, se ben os municipios límitrofes non son alleos á praga, xa que tamén, pola súa cualificación de zona tampón -terreos comprendidos dentro dunha franxa de cinco quilómetros arredor do límite dos concellos establecidos como zonas infestadas-, suman diversas restricións.

En concreto, nesta situación atópanse Xermade -onde a única parroquia libre é Cazás-, Muras -que só dispón dunha pequena zona da parroquia do Burgo onde se pode plantar-, Vilalba, Cospeito, Castro de Rei, Pol, Meira e Ribeira de Piquín.

As únicas localidades da comarca chairega que escapan á praga son Begonte e Guitiriz, de aí que moitos veciños doutras zonas busquen estas terras como alternativa para plantar.

DECRETO. O Real Decreto 197/2017 é a ferramenta empregada polo Goberno central para trasladar á poboación as medidas establecidas co fin de erradicar e controlar a Tecia, unhas actuacións que deben cumprirse sen excepción, e que se fixeron públicas o pasado 3 de marzo deste mesmo ano.

Así, segundo se recolle neste documento oficial, está totalmente prohibida a plantación de pataca durante un mínimo de dous anos nas zonas infestadas, un periodo que podería incluso prolongarse aínda máis.

Nestas terras están sendo destruídos todos os tubérculos de campañas anteriores, e así deberán facer tamén os propietarios cos rebrotes que aparezan. A Xunta, pola súa parte, instalará unha rede de trampas de feromona sexual e obrigará á realización de tratamentos fitosanitarios. Por último, restrinxiranse calquera movemento de pataca destas zonas.

No caso das instalacións de almacenamento, deberán colocarse estruturas tupidas en ocos e fiestras, así como desinfectar o chan, paredes e teito. Tamén haberá que vixiar as gretas onde puidese refuxiarse a Tecia, limpar as máquinas e o almacén e destruír sacos e embalaxes, ademais de instalar trampas con feromona.

No caso das zonas tampón, os propietarios das terras deberán aplicar tratamento fitosanitario durante a fase de tuberización do cultivo e antes da colleita. Levaranse a cabo inspeccións visuais das autoridades competentes, con periodicidade anual, e instalaranse trampas específicas para a captura da Tecia. Os tubérculos recollidos non poderán sementarse ata que a praga non estea erradicada.

Unha das cuestións que máis lle preocupa á poboación é o do traslado das patacas, un extremo que tamén aclara o decreto. Así, prohíbese o movemento de tubérculos de zona infestada, salvo que se realice baixo control oficial e cara a vertedoiros autorizados ou lugares de queima controlada. A entrada e circulación farase para consumo directo e deberán ir preparadas e envasadas ao consumidor final.

Se un produtor de zona libre acode a unha feira á zona infestada a vender patacas, estas deberán quedar todas nese municipio, e terá que desinfectar o camión ou o vehículo que empregue para transportalas antes de regresar.

Nos terreos en zona tampón cuxa produción vaia destinada á comercialización, o traslado só poderá realizarse logo dunha inspección visual das autoridades.

Estas son só algunhas das obrigas e recomendacións que trasladan para atallar unha praga que está causando unha das maiores crises no campo. Os controis de tráfico e as charlas servirán para informar e concienciar da importancia de conter a couza guatemalteca.

A crise da pataca roza a Terra Chá
Comentarios