Sábado. 16.12.2017 |
El tiempo
Sábado. 16.12.2017
El tiempo

Crimes perfectos

Anagrama vén de publicar os ‘Diarios’, de Emilio Renzi, en tres volumes

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

HAI MÁIS de dúas décadas que escoito a Andrés Calamaro e unha das miñas cancións preferidas é Crímenes perfectos, na que declara ter medrado vendo ao seu redor paranoia e dor. E é que ao Salmón colleuno a ditadura de Videla e Massera na adolescencia, con aquel acontecemento fundamental que foi o Mundial de Fútbol de 1978. Gañou Arxentina no Monumental de River Plate, no medio dunha choiva de papeliños brancos e azuis, a apenas uns centos de metros da Esma na que se torturaba aos disidentes denantes de subilos cegos e drogados a un avión e botalos ao mar.

Alí estaba tamén Emilio Renzi, alter ego diarístico de Ricardo Piglia, o novelista arxentino que nos deixou o pasado día de Reis. A relación entre o ente efectivamente existente e o literario está pouco disimulada: Emilio era o segundo nome de Piglia e Renzi o seu segundo apelido. Non obstante, a trampa axuda a construír unha parede ficcional que enriquece e moito a lectura. Anagrama vén de publicar os Diarios en tres volumes e o que coincide con aquela época convulsa no Cono Sur aparece como o máis apaixonante tanto temática coma formalmente.

O 23 de xullo de 1978 Arxentina clasificábase para a final daquel Mundial —cun partido amañado ante Perú—. Fala Renzi das manifestacións multitudinarias e dinos que «paseaba solo entre la multitud, como Robinson en la isla». É un fragmento moi breve da primeira parte da obra, un diario ao uso, coas súas datas e impresións en primeira persoa. Como resulta obvio neste tipo de relatos, fusiónanse varias capas da realidade. No caso de Renzi/Piglia atopamos un problema sempre de actualidade: a insoportábel tensión no intelectual entre a soidade que precisa para levar a cabo as súas reflexións e as obrigas mundanas que a todos se nos impoñen. Enriba da mesa está sempre a posibilidade e a capacidade de vivir só -sempre que non se consideren os libros como compaña, algo que Renzi e o que isto escribe comparten.

Chegado 1982, no ecuador da obra máis ou menos, toupa o lector cun cambio de rexistro radical, insólito en obras deste xénero. Un día en la vida é unha narración na que Renzi cede a palabra por razóns de saúde física e mental e pasa a ser personaxe dun relato en terceira persoa sobre a súa propia vida. O contraste acentúase polo paso da sentencia breve propia do xénero memorialístico ao período longo da narración biográfica.

Por algunha razón que descoñecemos, ou que coñecemos só na súa dimensión ficcional, Renzi esquece durante décadas o seu diario. Cando regresamos a el, estamos no solpor. Días sin fecha condensa o tempo, cunhas poucas notas para períodos moi longos de tempo. Dende a beira da morte vemos os instantes de felicidade do pasado, o resultado das reflexións sobre o exilio da primeira parte —Piglia rematou os seus días académicos en Princeton— e o curso dunha enfermidade inexorábel que vai rematar con todo.

Creo que algunha vez lles fixen unha confesión, por se acaso repítollela: agás excepcións notorias, eu nunca leo escritores vivos. Trátase dunha medida de profilaxe crítica, xa que o negocio literario actual está montado en boa medida para convencernos a todos de que cada obra que produce o xuntaletras que toque —bo ou malo— é a mellor do seu catálogo, un escrito que non se superarán endexamais. Así perdo a actualidade de escritores coma Ricardo Piglia, pero teño a satisfacción de atopar o seu legado e poder velo como obra pechada. Agora podo dicir que a terra acolleu xa ao escritor arxentino pero que por fortuna a súa vida da fama, ese concepto manriqueño, será tan longa como valiosos os seus escritos.

Crimes perfectos
Comentarios