Cousa de homes

ALGUNHAS persoas lembrarán aquel anuncio de radio e de televisión dun cognac (ou substituto) que utilizaba imaxe e voz femenina para enumerar as cousas de homes (varóns). Entre outras os touros, o fútbol… e, para finalizar a serie, ela mesma.

Rancio machismo aparte, xa naquela época, o dito anuncio debía de ter unha alta eficacia no márketing que se apoia na exacerbación do máis vulgar termo medio do substrato cultural que forma parte do inconsciente individual e colectivo e que premia e destaca algún rasgo de superiodade entre iguais. Quérese dicer entre cidadáns pertencentes á mesma clase e ao mesmo estrato social, pero que son aparentemente compensados con signos de distinción (pretensa superioridade) por razóns de sexo, de idade, de raza ou de rasgos físicos.

Hoxe en día -en que, ás veces, semella que estamos revivindo moitas cousas xa vistas (diría un colega meu, o ‘déjà vu’)- recordei o tal anuncio ao abeiro de dúas anécdotas vividas en corto período de tempo.

Un discente, xa licenciado, citou con total naturalidade: unha empresa de servizos xurídicos, pequena de dúas persoas, dúas mulleres (sic). Eu só tiven folgos para dicer -sen me enfadar- que non volvese repetir esa frase con eses elementos. Non o entendía porque para el -seica- era relevante sinalar que hai persoas que son mulleres. A cuestión acabou cando unha compañeira lle espetou: mira como queda: «unha empresa de dúas persoas, homes». Este estudante, igual que a grande maioría dos seus contemporáneos, ignora que desde hai moitos anos, as mulleres temos tomado a dianteira frente aos varóns nas cualificacións que requiren da máis alta titulación universitaria. Ignoraba tamén que era vítima, mesmo condescendente, da ideoloxía dominante que precisa ocultar, silenciar e/ou compensar ás mulleres para manter un statu quo favorábel a unha especie de atontamento social colectivo. Neste ambiente sempre haberá alguén que estando vivencialmente fatal teña como compensación pensarse e exercer como ‘superior’ ás mulleres.

Outra anécdota, esta vez pola rúa. Dicíalle unha señora a outra: si, teño na miña clase de aerobic a unha muller que é médico. Outro caso de usurpación. Resulta que hai médicos «como Dios manda» e logo hai mulleres (a linguaxe é moi traidora) que fan de médicos. Pouco parece que influíran as inúteis políticas de igualdade. Podo pensar que con certa lóxica. O construído socialmente en séculos non se vai esfarelar ou disolver por unha ou varias campañas máis ou menos ben feitas que só rabuñan a superficie de ideas moi arraigadas, moi profundas e que, ademais son funcionais no sistema de desigualdade no que nos atopamos. Si, si, moita propaganda, mais nin nas empresas que eran públicas houbo igualdade salarial. A propaganda mátase cos feitos, e estes teñen unha perversa tendencia a seren teimudos.

Comentarios