Cos arados fabrican espadas

AS ARMAS non son para a guerra. As armas son para sementar terror, para que os matóns impoñan a súa lei, para que os fortes queden coa maior parte do pastel, para que os fanáticos impoñan o seu credo, para que os cobizosos multipliquen o negocio. As armas matan sobre todo civís, enchen de fame a bandullo dos nenos, violan coa impunidade do ferro as mulleres, apagan o lume das casas.

Rememoramos este ano o centenario da Guerra do 14 onde os civís puxeron a metade dos mortos da xigantesca carnizaría. Agora outra vez Irak, ou o terror en estado puro entrando nas nosas casas polo ollo da televisión. O país deixou de ser estado e só é xeografía, escenario do caos e das matanzas, do exterminio de minorías desta volta yazidís, da escravitude dos nenos e violacións cotiás. O que está a pasar volve amable a figura do ditador Sadam Husein, o das ‘armas de destrución masiva’ do presidente máis parvo da historia americana e os seus entusiastas conmilitóns na aventura guerreira. Polo medio quedaron, de momento, 140.000 civís asasinados, desta volta si, polas armas de destrución masiva que venden as multinacionais da morte dos países occidentais.

Outro estado fallido, Libia, onde os mesmos vendedores de armas tentaron impoñer a súa democracia a canonazos. Ao ditador Muammar al-Gaddafi sucederon unha morea de señores da guerra. Destruíron o país, crearon outro estado inviable e os civís que non poden escapar a millares a Italia, caen como moscas ou morren afogados en Lampedusa.

Velaí o tristísimo aniversario que vén de celebrar Colombia: tras 50 anos de conflito entre os guerreiros do exército e os guerrilleiros das FARC anotamos 200.000 mortos dos que só o 19% tiñan uniforme mentres que o 81% vestía pel de civil. E ademais 6.000.000 de desprazados e un rosario interminable de secuestros, masacres de labregos, violacións masivas, violencia e morte contra o pobo ao que querían ‘liberar’.

Velaquí agora a nosa vergoña mundial, Gaza, onde topan como carneiros os fanatismos sionista e de Hamás. Máis de 2.000 mortos, deles 500 nenos mentres os militares xogan á guerra. E ademais 4.400 millóns de euros en danos provocados pola poderosa Tsahal -o exército xudeu-, 11.800 casas derrubadas, 230 escolas e 51 hospitais destruídos.

Velaí Siria, 191.000 mortos, onde a primavera árabe é este inverno de destrución, fanatismo e morte, e onde o frío morde sobre todo os civís atrapados entre o exército, as faccións tribais e o chamado Estado Islámico.

Velaí o conflito ruso-ucraíno onde os civís poñen os mortos na guerra dos canallas. Os países máis ricos, China e Rusia, USA ou a CE manteñen e loitan con unllas e dentes pola cota do negocio. Co ferro dos arados aprenderon a fabricar espadas.

Comentarios