Cortando chapas, dixo Montoro

NO Congreso dos Diputados, lugar no que se debate -debería debaterse- a política do goberno do Estado e mais o lugar onde se elaboran as normas legais, ocorreu días pasados un encontro verbal entre o ministro señor Montoro e a representante de Galiza -deputada do BNG- señora Pérez, acerca de Ferrol e a súa industria.

A deputada galega preguntou pola vida do dique flotante para Navantia, xa que este fora unha promesa electoral na campaña das pasadas eleccións autonómicas. E o señor ministro contestoulle dicindo que non viña a conto o seu discurso político e que «en El Ferrol, en marzo, se estarán cortando chapas». É ben sabido que Navantia depende case en exclusiva do investimento público xa que os sucesivos gobernos españois foron incapaces de negociar, ante a Comunidade Europea, o límite para a construción naval civil. O teito para construción naval civil do 20% sobre os contratos militares supón unha pexa á capacidade da empresa a se desenvolver nos campos de actividade económica, igual que todas as empresas de construción naval.

Un complexo como o de Ferrol non se logra en dous días. Non é só cuestión de capital diñeiro. A especificidade da ría ferrolana con características dotacionais exclusivas sitúa o complexo naval ferrolano entre os mellores do Atlántico Norte. O saber facer do conxunto de traballadores directamente empregados e o conxunto de empresas integradas nese complexo non se logra con investimento de capital diñeiro, non é un acervo inmediato: é froito dos logros acumulados con éxito ao longo de décadas de actividade. É un complexo de factorías competitivas e só precisa que a dirección empresarial funcione. Lástima que esa dirección estea en última instancia nas mans do Estado.

O señor ministro, cando tiña un labor na universidade, pertencía á mesma área de coñecemento que unha servidora. Claro que, na universidade actual, as áreas de coñecemento (é unha denominación legal, non é opción miña) son tan amplas que a de Economía Aplicada é unha hectárea. Debe ser tan extensa que non atopamos punto de encontro. Quero dicir que nunca se me ocorrería dicir no Parlamento español a unha deputada que utiliza un discurso político. Que tiña que ser, militar, acaso? Debería defender as súas propostas cunha oración, cunha pregaria? Ou ben debería cantar unha aria, un popurrí ... O señor Montoro estaba equivocado de lugar se quixera que a señora deputada non fixese unha interpelación política. O señor Montoro non fai política. Lástima que o último personaxe histórico que concentraba todo o poder sen facer política fose un militar. Cal é o lugar das preguntas? Onde se poden pedir contas razoabelmente falando?

O problema real é que non existen contratos asinados para obra en Ferrol. E o señor ministro, nunha manobra de distracción digna dun prestidixitador, elude responder ao concreto da pregunta: U-lo contrato para Ferrol?

Comentarios