miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Cores

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

LEMBRO A primeira vez que vin as fotos en branco e negro da familia. A miña reacción foi pensar que daquela vivían en gris e non en cor, tal e como eu vía. Supoño que a miña experiencia primeira das cores está relacionada co deporte: á marxe de influencias familiares, é posíbel que sexa un fanático do Barcelona pola súa camisola blaugrana, que contrastaba co para min monótono branco do seu grande rival.

Cada un ten a súa vivencia coas cores e podería contala, pero hoxe ímonos deter na de Michel Pastoureau, un ensaísta francés de longa dedicación ao asunto cuxa obra Los colores de nuestros recuerdos vén de publicar a editorial Periférica nunha colección significativamente chamada Fuera de Serie: moi acaída para un libro pequeno, intelixente e moi especial que mereceu premios diversos no seu país de orixe.

Este crítico ten especial aprecio a ese xénero que podemos denominar 'misceláneo' e que, en estricto sentido, nin xénero é. Quen se achegue ao libro de Pastoureau atoparase a medio camiño das memorias, o ensaio, o libro de historia e o manual de arte. En canto ao memorial, o autor mestura as súas lembranzas da nenez coa evocación de personaxes moi coñecidos coma André Breton ou Salvador Dalí —Gala mediante, como debía ser corrente—. Se imos ao ensaístico, ponderemos ter resposta a cuestións tan fundamentais relacionadas coa cor como por qué os semáforos son vermellos, ámbar e verde ou por qué a carapuchiña de Carapuchiña é vermella. O autor é medievalista e foi consultor nun par de filmes cos que, casualmente, teñen moita relación: o Perceval de Éric Rohmer —pénsolles que o maior especialista neste cineasta en España estalles en Lugo e responde ao nome de Brian Rodríguez— e El nombre de la rosa, bagatela de Umberto Eco coa que nos atopamos todos os estudantes de Teoría Literaria. Como manual de arte, Pastoureau amosa unha grande profundidade de análise no pictórico... e é un amante de Vermeer, gusto que coincido.

Un lector crítico poderá argumentar que boa parte do libro está construído a partir das obsesións do escritor, o que merma a súa calidade. Sería unha crítica inxusta, xa que o relato é delicioso en todo momento e a través del seguimos a evolución das cores e os vestidos en Francia: as chaquetas azul marino dos nenos que pasaban a homes; a extensión do pantalón vaqueiro —e a súa apaixonante historia, que chega aos nosos días con coñecidas marcas cuxos usuarios esqueceron hai moito o uso orixinal da prenda—; as paradóxicas dificultades das persoas con exceso de peso para atopar roupa de cores e formas que adelgacen, ou o porqué da menor presencia da cor verde na roupa entre os europeos.

A sensibilidade de Pastoureau resulta contaxiosa e por iso non o vemos como alguén extravagante. No fondo, todos temos as nosas obsesións cromáticas e compartimos fobias culturais. Non coñezo a ninguén que use o amarelo no teatro, quero pensar que porque Molière morreu vestido desa cor tras representar O enfermo imaxinario. Moitos dos meus veciños seguen a ver con enfado que alguén se presente a un enterró ou cabodano con roupa vermella, rosa ou laranxa. Eu mesmo enleei hai un par de semanas co meu compadre donostiarra Iker por cometer a ousadía de ir a unha voda con chaqueta clara e pantalón escuro —el ben pode—. Ao ler a este ensaísta magnífico sentimos, dun ou doutro xeito, o impulso de coller o bolígrafo —ou o teclado— e poñer negro sobre branco as nosas experiencias. Penso que o meirande eloxio que se pode facer a un libro, ao cabo, é o de que resulta inspirador e ninguén pode dubidar de que o de Pastoureau o é.

Cores
Comentarios