A cor da fame

CANDO NENOS reclamabamos o xantar ou a merenda ao grito de "temos fame!", e Carolina, unha parente que nos axudou a criar, respondía sempre: "Calade, nenas, que non sabedes de que cor é". Nós non entendiamos a profundidade das súas palabras e era nosa nai a que nos explicaba que unha cousa era ter apetito e outra ben diferente ter fame. Aínda así, a cousa non ficaba clara. E seguramente seguimos a día de hoxe sen comprender. Nós, que temos comida de forma regular, mesmo que teñamos sentido por uns ou outros motivos unha debilidade extrema, non coñecemos a cor da fame. Conmóvennos as imaxes das criaturas desnutridas, descalzas e comestas das moscas, mais dificilmente poderemos lograr unha empatía total pola simple razón de que nós nunca padecemos por non ter que levar á boca.

Hoxe, 16 de outubro, Día Internacional da Nutrición, vaise celebrar no auditorio Gustavo Freire de Lugo un espectáculo benéfico para colaborar coa ONG 'Acción contra a fame'. Organízao Achádego Teatro e colaboran diversos artistas do noso país. A axuda será unha area na praia, mais a praia faise area a area.

Ben sei que moita xente ten prevención contra as ONGs porque lle parece que a loita corresponde aos gobernos e mesmo ás multinacionais que, á fin, son as que mandan na riqueza —e tamén na pobreza— do mundo. Coidan que, se se lles fai o traballo, os pobos non se rebelan nin se organizan para mudar as cousas. E tamén que moitas destas entidades dan pan para adoutrinar relixiosa ou politicamente os destinatarios da súa axuda.

Se cadra non lles falta razón; pero o certo é que, mentres non reine no mundo unha orde máis xusta (quen a verá?!), morre cada tres segundos un neno de inanición. É cousa, xa que logo, de mirar quen nos ofrece máis garantías e, na medida do que poidamos e nos pida a nosa conciencia, achegar o noso óbolo. Eu confío en 'Acción contra a fame', unha organización apolítica e aconfesional, porque vin como traballa e porque mo contaron o pintor Alfonso Costa, o actor Gustavo Pernas, a poeta Eva Veiga ou o escritor Xosé Francisco Fernández Naval, entre outros e outras de 'Cultura solidaria', que visitaron Níxer e varios países do Terceiro Mundo para avaliar as necesidades e axudar con diversas iniciativas. 'Cultura solidaria' é unha asociación galega que, dentro da ONG que veño citando, agrupa a artistas plásticos e escritores dispostos a comprometerse. Da celeridade coa que actúa esta organización tiven un día a mostra vendo un telexornal. Cando aquel gran 'tsunami' de Indonesia, foi un avión fretado por ela o primeiro que chegou cunha carga de auga e alimentos.

Desculpen que hoxe pete nas súas portas para pedir solidariedade. Nestes tempos de crise global os primeiros afectados son sempre os que dependen das migallas das nosas mesas. Pode suceder que, mesmo os que non estamos no paro, nos volvamos previsores de máis e nos esquezamos dos outros, os que si coñecen a cor da fame.

Comentarios