martes. 19.01.2021 |
El tiempo
martes. 19.01.2021
El tiempo

''As cooperativas teñen que funcionar como empresas que beneficien ós labregos''

Mostra de instrumentos de Música tradicional de Pardiñas (Foto: Cristina Pérez)
Mostra de instrumentos de Música tradicional de Pardiñas (Foto: Cristina Pérez)

Apegado ó rural desde o seu nacemento, este xermadés humilde e traballador foi chamado hai pouco máis dun ano a presidir unha das cooperativas máis importantes de Galicia, que conta cun milleiro de socios repartidos entre o norte de Lugo e o occidente de Asturias.

despois de 16 anos como socio (sete deles como membro da directiva) da cooperativa Os Irmandiños, o mes de xuño do ano pasado significou un cambio para o chairego José Ángel Blanco Purriños, xa que foi elixido presidente da entidade agraria. Natural dun pequeño lugar chamado As Cavadas, este xermadés ten agora a súa base de operacións un pouco máis ó norte, concretamente na parroquia da Devesa, en Ribadeo, onde traballa todo o que pode, apoiado polo seu equipo directivo, co fin de facilitar a vida diaria de tódolos labregos e labregas que forman parte da cooperativa.

Cal é o balance despois dun ano como presidente da cooperativa Os Irmandiños?

Eu penso que este tipo de valoracións quen as debe de facer son os socios. O que si podo dicir é que se buscou unha continuidade con respecto ó equipo anterior, e que tódolos proxectos que iniciamos foron pensados para o ben dos gandeiros.

É moita a responsabilidade de pasar de membro da directiva a ser algo así coma o ‘xefe de todo’?

Non diría xefe, porque somos unha cooperativa, pero si a cabeza visible. Aínda que as decisións se toman entre tódolos membros do consello rector, quen as defende ante os socios son eu e iso ten as súas consecuencias: se todo funciona ben, non pasa nada, pero se algo vai mal, entón é a ti a quen sinalan co dedo (risas).

Con socios en boa parte da provincia e incluso en Asturias, hai interese por ampliar horizontes ou apóstase polo mantemento?

Ampliar horizontes é algo complicado, porque cada vez queda menos xente no rural. Iso non quita que esteamos abertos á entrada de novos socios; de feito, o ano pasado houbo máis incorporacións que baixas na nosa empresa, e pretendemos seguir nesa liña.

Como pode o labrego individualista de antano sentirse cómodo dentro dunha cooperativa?

Antigamente, no ambiente dos labregos víase á cooperativa como un ente que che tiña que facilitar os produtos máis batatos que a competencia. Agora iso non pode ser así en moitos casos, posto que existe unha presión por parte das empresas comerciais. Aínda con todo, o espírito da cooperativa ten que ir por ese camiño; funcionar como unha empresa privada na que os beneficios revirtan nos socios, tanto en forma de servizos como de retornos económicos.

Entón, se se fala da cooperativa como empresa, que é mellor: poucas e grandes ou moitas e pequenas?

Grandes. Noutros sectores, como o da banca ou o das multinacionais fusiónanse e absórbense empresas constantemente, e no campo non podemos ir a contra corrente. Temos que ser grandes para ser fortes, e aínda con todo, unha das maiores cooperativas de Galicia como é Feiraco non é nada comparada coas que hai noutros países, como é o caso de Besnier.

Hai algún concello da Terra Chá no que lle é máis difícil entrar á vosa empresa?

Socios temos en todos eles: Vilalba, Muras, Guitiriz, Xermade, A Pastoriza, Castro de Rei... Onde si que existen as diferenzas é entre as explotacións leiteiras e as de carne, por complexos de tamaño. Os galegos, sexamos labregos ou non, temos o defecto de sentirnos demasiado autosuficientes e desconfiados de cara ós demais cando as cousas nos van ben. Por iso é complicado que as grandes explotacións leiteiras se animen a entrar na cooperativa sen reticencias. Pola contra, os gandeiros que teñen unhas poucas vacas de carne, ó estar máis desprotexidos, únense a nós con maior facilidade. Por último, temos dende hai un tempo unha situación intermedia, na que moitos gandeiros son clientes habituais dos nosos produtos sen seren socios.

E animicamente, cal é a situación dos labregos nestes tempos difíciles para todos?

Hai unha crise moi forte e iso nótase. Nós temos un enxeñeiro agronómo que se encarga de facer unha contabilidade técnica en relación de gastos e de beneficios dende o ano 1992, e foi no 2009 a única vez que deu resultado negativo. Un dos factores que inflúe é o baixo prezo do leite, que ademais non é igual para todos. As empresas lácteas pagan diferentes cantidades por litro e iso é moi perigoso para as explotacións que máis producen, porque se magnifica a diferenza.

Pode facer algo a administración?

Con respecto á administración, ves cousas que non son lóxicas. Hai catro anos subvencionabanse moitas zonas de Castela para deixar terras en barbeito, que non se producisen cereais; agora hai xente que morre de fame, e ós que temos vacas non nos chegan os cartos para pagar uns cereais que dispararon o seu prezo. Mentres, en Estados Unidos e en Brasil, quéimanos para facer biodiésel. A solución a isto sería a de facer previsións a longo prazo, en lugar de tomar decisións pouco premeditadas como as de agora.

A poboación rural envellece día a día. Pode a xuventude coller a testemuña e apostar polo campo?

Cando eu era novo e visitaba outras explotacións para ver como facían as cousas, atopeime cun señor de Chantada que me contou a historia do rural, que é a seguinte. Un matrimonio tren tres fillos: un ‘chapón’, que estuda para ser médico ou abogado na cidade; outro que non é traballador, pero si pillo, que se fai comerciante, intermediario entre o campo e a cidade; o que queda, como nin estuda nin é intelixente, cómpraslle dúas vacas para que quede na casa. Esta imaxe do labrego como ser inferior aínda se segue a conservar hoxe en día, aínda que a realidade sexa moi diferente. Nos tempos de agora, un bo gandeiro ten que formarse: saber temas de agricultura, adquirir coñecementos sobre gando, entender os análises de terras... A xuventude ten que animarse, non coa finalidade de que todo o mundo teña vacas, pero si para que haxa un relevo xeracional.

Dende Os Irmandiños apoian ós fillos dos gandeiros para que sigan coa tradición familiar?

Non os animamos falsamente, simplemente lles ensinamos que é o que hai, mediante datos reais das explotacións. Un dos datos que máis chama a atención é o da evolución dende hai vinte anos ata hoxe, cunha multiplicación das hectáreas, das cabezas de gando e da produción,e unha redución do número de xente por explotación. Toda esta información está sempre á disposición dos rapaces.

Está desvirtuada a imaxe do campo? Que hai que facer para mellorala?

É todo moi relativo. Os ecoloxistas quéixanse de que as vacas contaminan cos seus puríns, pero tamén sería perigoso que todas as terras estivesen a monte e fosen un foco de incendios. As xeracións anteriores a nós interesabanse polo campo sen necesidade de que uns tipos de Bruxelas lles dixesen o que tiñan que facer. Agora póñenche trabas para todo, pero, ó mesmo tempo destacan que Galicia ten unhas paisaxes marabillosas. E quen foi o responsable de toda esa beleza? Os señores de Bruxelas, que nunca puxeron un pé aquí? Non, señor. O mérito foi dos nosos avós, que traballaron no campo durante toda a vida. Eles querían as súas terras, e por iso as coidaban. Aprendamos deles.

DE PRETO
«Encántame ir a concursos de vacas para desconectar»

De onde lle vén o gusto pola gandería?

Eu nacín no rural, coma meus pais e meus avós, e sempre houbo gando vacún na casa. Digamos que me criei no medio dos animais.

E dentro desa ‘fauna de granxa’, cales son os seus animais predilectos?

O can, porque me axuda e me acompaña, e a vaca, porque é a que me dá de comer (risas).

Desde cando leva metido no mundo das cooperativas?

Desde case sempre. Ós 23 anos decidín dedicarme a gandería profesionalmente, e xa ó principio montei unha pequena cooperativa con algúns veciños da miña idade.

Que adoita facer nas vacacións?

No campo non existen as vacacións. O que si fago é aproveitar ó mellor uns quince días para baixar ata o Mediterráneo e gozar coas súas cálidas augas.

E para desconectar do día a día?

Gústanme actividades relacionadas co meu traballo. Por exemplo, encántame ir ós concursos de vacas frisonas, xa que, ademais de divertirme, aprendo e podo relacionarme con outros profesionais do sector.

Que prefire, o traxe de presidente ou o de faena?

Sen dúbida, estou máis cómodo cun vaqueiro e cunha camiseta, pero para determinados actos hai que amosar unha imaxe de presidente.

Se falamos de libros, música...

Gústanme os manuais, porque aprendo cousas útiles. En canto á música, folk galego.

''As cooperativas teñen que funcionar como empresas que beneficien...
Comentarios