Cooficialidad lingüística en la toponimia o cómo una 'L' provoca crispación

O debate sobre o idioma da toponimia volveu á primeira plana nas últimas semanas pola intención do alcalde de A Coruña, o socilista Javier Losada, de legalizar o topónimo en castelán e que exista cooficialidade entre as denominacións A Coruña e La Coruña. Losada solicitoullo á Xunta, Feijóo díxolle que iso tiñan que resolvelo na cidade, o PSdeG desmarcouse afirmando que era un tema fóra da axenda política e o BNG alertou de que unha medida así iría contra Lei de Normalización Lingüística e contra o consenso.

No caso coruñés o único modificado sería un artigo pero facéndoo extensible a outros lugares de Galicia o certo é que a máis de un renxeríalle que tivera oficialidade 'Órdenes', 'Otero de Rey' ou 'Lage'. Este é outro punto máis no que diverxen Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe.

Callón asevera que ''nós defendemos o cumprimento da legalidade, e defendemos que non se oficialicen 'castrapos'. Moitas veces fálase da denominación en castelán dos topónimos, pero dicir 'Sanjenjo', 'La Coruña' ou 'Finisterre'... iso non é castelán! E ademais abriría a porta a unha situación de inestabilidade que vai contra toda lóxica. Quere dicir que o nome dun concello vai variar cada catro anos, segundo quen gañe as eleccións? Eso é un disparate! Os topónimos en Galiza son en galego''.

Pola súa banda, lago opina que ''cando nun lugar hai dúas linguas oficiais todo o léxico desas dúas linguas é oficial, tamén os topónimos. Non hai ningún país onde haxa dúas linguas oficiais e os topónimos non sexan oficiais tamén. Un topónimo é unha palabra que a xente foi facendo ao longo do tempo e pertence ao léxico dese idioma. Eu non podo entender que a alguén lle moleste que os topónimos teñan as dúas formas. Onde está o problema?''.

Vivir nun idioma

Este é un dos múltiples aspectos que debe abordar calquera Lei de Normalización Lingüística. O dereito das persoas a vivir no idioma que queren non sempre é cumprido e, no caso da lingua galega, as posturas tampouco son fáciles de conciliar. As estatísticas indican unha perda de falantes do galego dende o fin da ditadura franquista, que se fai moi visible nas xeracións máis novas. Preguntámoslle a Gloria Lago e Carlos Callón sobre este fenómeno e, tampouco neste punto, coinciden as súas reflexións.

-Que explicación lle atopa á perda de falantes do galego nos últimos anos? Existe autoodio?

-G. L.: Penso que a imposición se traduce nunha perda de falantes en galego. Ou ao mellor non unha perda de falantes, porque ao mellor iso non vai cambiar a lingua familiar, pero o que si é certo é que non vai facer que os nenos que non teñen o galego como lingua primeira, como lingua da familia, lle collan cariño. Eu penso que era algo que desde o inicio da democracia se conseguira, que o galego fose unha lingua máis prestixiada e que a xente de Galicia, aínda que non fose a súa lingua materna, a mirase como algo próximo. E coa imposición moitos nenos poden rexeitala porque, á hora de facer os deberes e estudar, notan que é algo que lles prexudica.

'Normalización' é unha palabra que inventaron uns (ri). A min hai cousas que non me parecen normais. A ti paréceche normal que se lle mande unha carta a un comerciante para presionalo? A min non. Non me parece normal que haxa dous idiomas oficiais e hai nenos que teñen como lingua base o castelán, non poden estudar nesa lingua? Eso é normal? É que agora os eufemismos úsanse con moita frecuencia, eh!

-C. C.: Os datos elaborados por institucións como a Real Academia Galega indican unha caída acusada do uso do galego. Hai un desfase entre as persoas que empregamos o galego e a posibilidade de recibir información neste idioma en diferentes ámbitos. Na xustiza o 3% das sentenzas son en galego fronte a un 97% en castelán. A universidade que máis emprega o galego é a de Santiago cun 20%. Se falamos da Axencia Tributaria, da Administración do Estado, da Policía Nacional ou dos medios de comunicación, vemos que o galego está nunha situación de lingua estranxeira na súa propia patria.

Hai un autoodio moi inoculado por parte de sectores políticos, económicos e mediáticos lanzando a mensaxe de que o galego é un idioma de segunda que só vale para falar cos amigos íntimos ou para cantar unha canción cando un está borracho. Pero para utilizalo coma unha lingua normal, non. O pobo galego non debe ter dereito á súa existencia. Temos propostas de Feijóo e do seu Goberno que realmente son do tardofranquismo! Desmantelar a oficialidade do galego, estar en contra do estipulado na Constitución española e no Estatuto de autonomía. Señor Feijóo, vostede está a incumprir a Constitución e o Estatuto! Falan de pluralidade lingüística no Estado español, de promover as linguas propias como o galego por estar discriminadas durante séculos e con épocas especialmente virulentas como foi non hai tanto durante o franquismo. Falan da obriga dos poderes públicos para promocionar esa lingua discriminada. A Xunta de Galicia está a incumprir o mandato estatutario, e fronte a iso manifestámonos.

Outros puntos de desencontro

Carlos Callón e Gloria Lago teñen moitas outras ideas non coincidentes con respecto ás políticas lingüísticas e á súa aplicación. O presidente da Mesa denuncia que ''unha persoa se fose bilingüista de verdade, co corazón na man, tiña que defender que o galego --lingua propia e discriminada-- tivera unha igualdade xurídica co castelán. Non existe liberdade lingüística sen esta igualdade. Non podes comprar un xoguete en galego para o teu fillo, non podes ver unha película en galego no cine, non podes sintonizar unha emisora en galego porque só hai unha --a Radio Galega-- e dende que goberna Núñez Feijóo deixou de promocionar a música en galego''. Ademais engade que ''a propia portavoz de Galicia Bilingüe xa indicou que realmente este grupo non defende o bilingüismo, son declaracións públicas realizadas pola señora Lago. E vémolo. Porque se alguén defendese ese suposto bilingüismo do fifty-fifty, tería que defender por exemplo que o decreto do 2007 se aplique, porque é un decreto que fala do 50%''.

A presidenta de GB, por outra banda, ten claro que ''o rexistro culto os nenos adquíreno no colexio cando estudan, non é o mesmo o que aprendes no colexio que o que aprendes na rúa, esa linguaxe culta que nós intentamos trasmitirlles. Como podes privar a un neno diso? Eu non o podo entender! De verdade, quixera que ti me comprenderas... Estou segura de que aos pais que están en Galicia Bilingüe non se lles ocorrería nunca, xamais, é que nin se lles pasa pola cabeza, alomenos aos que traballan directamente comigo, privar dese dereito a un neno ou a un pai''.

Comentarios