Convocado un concurso escolar de poemas co gallo do 150 aniversario de 'Cantares Galegos'

Esta mañá presentouse en El Corte Inglés de Vigo o Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro, froito do acordo de colaboración entre a Fundación Rosalía de Castro e El Corte Inglés. Con este concurso preténdese contribuír á divulgación da obra de Rosalía, como nai da nosa cultura, para reivindicar a súa figura e a súa obra no que é o 150 Aniversario da publicación de Cantares Galegos.

Segundo Anxo Angueira, Presidente da Fundación: “En Galicia vívese este ano un fervedoiro de actos conmemorativos en torno a figura de Rosalía de Castro”.

Alboradas con bandas de música de toda a nosa Comunidade, exposicións,... son algúns dos actos levados ao cabo para celebrar este aniversario, pero este concurso está dirixido a un ámbito fundamental: o escolar, coa finalidade de que os nenos crezan e se vinculen de forma directa cunha das figuras máis importantes da nosa cultura.

Aínda que presentado en Vigo, o concurso convócase dende os catro centros que El Corte Inglés ten en Galicia, e abarcará tódolos seus centros escolares.

Ademais dos premios materiais (un iPad 32 Gb, unha tarxeta agasallo de 200€ e unha de 100 para os gañadores), estúdase a posibilidade de editar os traballos presentados en función da calidade dos mesmos, sen dúbida o mellor premio para os escolares que verán impresa a súa creatividade e habilidade para a literatura galega. Aínda que esta é a primeira edición, espérase convocar nos próximos anos.

As bases do concurso

Categorías: 1º Primero ciclo da E.S.O. (1º e 2º)
                          2º Segundo ciclo da E.S.O. (3º e 4º)
                          3º Bacharelato.

As obras deben ser orixinais, rigorosamente inéditas e escritas en galego

O tema e a forma poética serán de libre elección.

A extensión máxima non excederá de 50 versos, podendo estar repartidos en varios poemas (só se aceptarán 2 traballos por autor)

As bases poderán recollerse nos departamentos de librería dos centros El Corte Inglés de Vigo, Santiago e A Coruña (Ramón y Cajal e Marineda), desde este xoves, 25 de abril.

Os traballos poden enviarse ós departamentos de Relacións Externas dos centros El Corte Inglés de Vigo, Santiago e A Coruña (Ramón y Cajal e Marineda). O prazo de admisión termina o 17 de abril.

 

Comentarios