contan os vellos que quen ve un lobo queda paralizado, que un calafrío lle percorre o corpo cando o animal está cerca e que quen lle mira ós ollos lembrará a imaxe de por vida. Este animal foi dende sempre unha das especies máis temidas polo home e, á vez, das máis admiradas. Símbolo de forza, bravura e lealdade ó grupo, o lobo protagonizou lendas ó longo dos tempos e por méritos propios conserva aínda hoxe o respecto das especies coas que convive, entre elas a humana.
Defensores e detractores non chegan a entenderse. Concordan en que a especie é necesaria para o equilibrio natural. Tamén coinciden en que a súa acción predadora está provocando cuantiosos danos ós gandeiros que é preciso evitar para que non carguen cos custos da permanencia do lobo nos montes. Sen embargo, distáncianse radicalmente cando se baralla a opción de cazalos. Mentres gandeiros e cazadores cren que sobran lobos, os ecoloxistas insisten en que é o home quen debe tomar medidas de seguridade e evitar invadir o medio do animal.
Os expertos aseguran que hai lobos en todo o territorio galego, concentrados en zonas montañosas. Ninguén sabe cántos exactamente, pero, como as meigas, habelos hainos. A Consellería de Medio Rural estima que podería haber entre 420 e 625.
Viven en grupos que oscilan entre os catro e os dez exemplares. Segundo a Asociación para la Conservación y Estudio del Lobo Ibérico, unhas 20 manadas móvense pola provincia de Lugo. A maior parte están nos Ancares, O Courel, a comarca da Fonsagrada e algúns concellos montañosos como Triacastela, Samos ou O Incio, entre outros.
Ataques
Entre outubro do 2009 e setembro do 2010, Medio Rural recibiu notificación de 530 ataques de lobos a reses en Galicia, polos que aprobou unhas compensacións de 166.921 euros. Dende o 1 de outubro do 2010 ata hoxe os gandeiros notificaron á consellería 195 ataques máis, polos que cobrarán 58.921 euros.
Entre o 35 e o 40 por cento dos ataques rexístranse en Lugo, segundo os datos do sindicato Unións Agrarias, dos que se deduce que esta provincia é o territorio galego con máis concentración da especie.
A Xunta convoca cada ano unha liña de axudas para compensar os danos que ocasiona o lobo ó gando e outra para establecer medidas de protección. Os gandeiros consideran que a contía de ambas é insuficiente, que non cubren os danos, que esixen demasiada burocracia e que a Administración tarda en pagar.
Unha das principais dificultades para cobrar é demostrar que as reses foron vítimas dos lobos, pois é doado confundir os ataques cos de cans salvaxes. Para certificar con certeza as feridas dun lobo é preciso atopar a res nas 72 horas seguintes ó ataque, un tempo que resulta curto para a gandería extensiva. Unha vez detectada a perda, o propietario ten 24 horas para dar parte á Consellería de Medio Rural, que enviará uns técnicos para elaborar un informe.
Os gandeiros reclaman que estes mesmos técnicos podan recoller a demanda, pois a normativa obriga a que sexa o dono das reses quen se desprace ata unha oficina da Administración para formalizar a petición de axudas.
A excesiva burocracia disuade a moitos de facer o trámite. «Por unha ovella nin te moves porque o que che van dar por ela non compensa nin os desprazamentos», asegura Raquel Zolle, técnica do grupo de desenvolvemento rural Ancares-Courel.
Os grupos de desenvolvemento rural Montes e Vales e Ancares-Courel participan no Proyecto Wolf, un programa de debate aberto para buscar un achegamento entre tódolos sectores implicados co lobo. O obxectivo é consensuar medidas para favorecer a convivencia entre a fauna salvaxe e a gandería.
Tras varias xuntanzas e debates entre representantes dos gandeiros, das administracións, dos cazadores e de colectivos ecoloxistas hai coincidencia nun punto. «Non deben ser os gandeiros quen asuman os custos do lobo». Raquel Zolle explica que con este punto de partida deseñáronse catro liñas de traballo.
A primeira ten como fin mellorar a xestión das axudas por danos, reducir os prazos de pago e os trámites. Unha segunda liña de traballo vai dirixida a optimizar as medidas de prevención e a estudar alternativas ás tradicionais, centradas en peches, cans mastíns e burros para o gando extensivo.
As subvencións da Xunta cubren parcialmente o custo de pechar as fincas. A maioría dos gandeiros opta por cercas e pastores eléctricos, que son efectivos para o gando ovino, caprino e porcino, pero inútiles para o bovino e o cabalar cando se cría en réxime extensivo, ceibo no monte. Unha das opcións máis utilizadas neste caso é acompañar as vacas de burros, que teñen máis instinto para detectar o lobo e alertan as reses para axilizar a fuxida.
Mastíns
Os mastíns son outra medida habitual de prevención dos ataques. A asociación de criadores de gando ovino e caprino Ovica desenvolve un programa de cría desta raza de cans para suministrar exemplares ós gandeiros.
Joan Alibés, membro de Ovica, explica que a asociación entregou máis de cen mastíns en toda Galicia, dos cales 36 están en Lugo. Os cans entréganse ós gandeiros con pautas de adestramento, fundamentais para que reaccionen de xeito efectivo ante un ataque de lobos. «Para defender correctamente, o can ten que ver o rebaño como a súa familia, non á xente», explica Alibés.
Esta raza é especialmente axeitada para defender o gando tanto por instinto e comportamento como por tamaño e potencia de ladrido.
Ovica programa a cría de mastíns en función da demanda. Son cans de raza garantida, fillos de exemplares que están en activo en explotacións gandeiras. Ata este ano, a Xunta subvencionaba a compra, pero suprimiu a axuda e agora son os gandeiros quen deben pagar pola crianza dos cans.
Tódalas partes destacan a necesidade de prevención de ataques e a importancia de estudar medidas novas, pois as habituais resultan insuficientes para algún tipo de gando. Unha proposta neste sentido chega dende o sindicato Unións Agrarias, que considera que sería viable a xestión de comedeiros controlados para lobos. Lembra que a práctica de tirar reses mortas ó monte foi tradicional durante séculos e facilitou a coexistencia da especie coa gandería. En épocas de escaseza de comida, este sistema podería reducir os ataques ó gando, en opinión de Jacobo Feijóo, de Unións Agrarias.
Política
A terceira liña de estudo dos GDR dentro do Proxecto Wolf pretende consensuar unha proposta de cara á nova Política Agraria Común (PAC). Entre as medidas estúdase reclamar un pago para os gandeiros que residen en zonas con presencia de animais salvaxes.
A última proposta de traballo céntrase no control dos lobos. Este aspecto é o máis controvertido, dada a oposición dos ecoloxistas ás batidas. É unha idea moi cuestionada que, en opinión de Raquel Zolle, «hai que madurar».
A conclusión de tódalas partes é simple: Home e lobo están obrigados a convivir e buscar o xeito correspóndelle á parte racional.
SITUACIÓN Os ecoloxistas ligan esta situación á proliferación de parques eólicos, que derivan na construción de pistas en lugares frecuentados polos animais e incrementan o risco de accidentes. Veleno
|