Control dos abusos da competencia

A XUSTIZA francesa condenou ao grupo Carrefour a pagar 20 millóns de euros por ter cobrado por uns servizos non prestados ou por ter cargado unhas cantidades desproporcionadas polos traballos realizados a dezaseis pequenas e medianas empresas que eran provedores dos seus establecementos. O importe da condena é considerable e ademais non é a primeira vez que ocorre posto que anteriormente impuxéronlle unha condena de 28 millóns de euros por un asunto similar a Leclerc, outro grupo importante na distribución comercial en Francia. Dous dos 20 millóns desta condena son en concepto de multa e os 18 restantes van ser reintegrados ás dezaseis empresas afectadas.

En ambos casos a denuncia foi realizada pola Dirección Xeral do Consumo, a Competencia e o Control do Fraude que examinou os contratos existentes entre as empresas distribuidoras e os seus provedores e considerounos abusivos. En España hai situacións similares, que en parte dos casos son realizados polas mesmas empresas que operan nos dous países. A diferenza está no escaso nivel de control destas prácticas abusivas por parte dos servizos encargados da competencia en España.

Parece ser unha norma bastante xeneralizada que grandes empresas de distribución pidan aos seus provedores prezos especiais para campañas de promoción e que lles cobren por determinados servizos como a inclusión dos seus produtos nos catálogos de venda e pola publicidade. En teoría son contratos realizados libremente entre ambas as partes. Na práctica son imposicións por parte das grandes empresas de distribución ás que a maior parte das empresas provedoras non poden negarse polo risco de deixar de selo. Pola mesma razón é difícil que estas empresas denuncien este trato abusivo. Por iso ten especial importancia a actividade destes servizos en Francia ao investigar este tipo de contratos e realizar unha denuncia que sería difícil de facer polos propios afectados polas consecuencias que lles ocasionaría. A pregunta pendente de contestación é por que os servizos de control da competencia en España non poden desenvolver unha actividade similar fronte a situacións parecidas.

Destas prácticas abusivas, que van en beneficio exclusivo da gran distribución, os prexudicados directos son os seus provedores como poden ser as industrias alimentarias. Estas á súa vez repercútenos nos seus provedores, que nese caso son os agricultores, forzando a unha baixa no prezo dos seus produtos. Deste xeito quedan os agricultores como os últimos pagáns desta cadea por non poder ter a quen repercutirlles os menores prezos recibidos polos seus produtos.

Comentarios