Control de proxectos e gastos na Administración

As administracións contrataron nos últimos anos numerosos proxectos para novas obras ou para a realización de diversos estudos. Desgraciadamente en bastantes ocasións o control sobre a calidade destes traballos foi bastante deficiente e tivo dous tipos de consecuencias negativas. As deficiencias existentes nos proxectos foron unha das causas principais do aumento de custos na súa execución, dando lugar a obras complementarias ou a reformados sobre o proxecto inicial. Un estudo realizado hai xa algúns anos encontraba que case un 80% das grandes obras públicas tiñan un sobrecuste, que de media equivalía a un 15% do importe no que foran licitadas. Nas últimas semanas transcendeu o caso do custo adicional das obras do tren de alta velocidade a Barcelona, que superou nuns 400 millóns de euros o importe contratado e que nun tramo próximo a Hospitalet chegou a duplicar o presuposto inicial. Pola súa banda as contratacións para a realización de diversos estudos carecen en moitos casos dun control e seguimento posterior. Esta situación contrasta cos procedementos seguidos nas contratacións destes estudos por parte da Comisión Europea. Neste caso realizan un seguimento detallado da súa execución coa entrega por partes, que son revisadas, e poden obrigar a ter que achegar información máis detallada ou mesmo poden ser devoltas no caso de non alcanzar o contido e calidade acordado. Ademais antes de proceder ao pagamento final o contido do estudo é avaliado por expertos externos. Este método de control e seguimento podería mellorar de modo importante algunhas das deficiencias existentes nos proxectos de obra e estudos contratados.

Un segundo nivel está nos órganos de control do gasto da propia Administración entre os que están o Tribunal de Contas e no noso caso o Consello de Contas en Galicia. Por iso son especialmente preocupantes dous asuntos que afectan ao Tribunal de Contas e que poden xerar dúbidas sobre a súa acción de control. O primeiro refírese ao fraccionamento dunhas obras a realizar no propio Tribunal repartíndoas en varias por debaixo do máximo legal de 30 mil euros para non as ter que levar a concurso público, que eran realizadas por unha determinada empresa que a súa vez realizaba obras particulares para algúns altos cargos da institución. O segundo é a relación de parentesco directo existente entre algúns dos seus traballadores e antigos conselleiros e secretario do Tribunal que sementa dúbidas sobre posibles favoritismos na súa selección.

Ambos os dous asuntos precisan melloras evidentes que deben resultar nun mellor control do gasto antes que en recortes en servizos públicos.

Comentarios