sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

'CULPABLES POR LA LITERATURA'

Contracultura e transición

A Transición, esa tan tranquila que agora nos queren vender, non foi tal no eido político nin tampouco no cultural. Entre 1968 e 1986 houbo unha mocidade...

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

ESTABA EU hai uns días na Trama, matinando na reacción que tería a clientela dunha libraría ao entrar mercar un libro de Aristóteles e escoitar que Bartolito era un gallo que vivía moi feliz, a canción infantil que compartían Yolanda e Daniel, cando detiven a vista nunha portada. Un rapaz e unha rapaza espidos, un frontal sen agochar nada. O meu pensamento inmediato foi: "Se un editor permite que apareza un carallo [sic] na portada dun libro, é que este ten que ser caralludo [sic] e perdón pola broma de mal gusto desta corrente de pensamento]".

O tal libro é Culpables por la literatura, do profesor galego emigrado a Princeton Germán Labrador, e inaugura a colección Reverso-Historia Crítica, da Editorial Akal. Á vista da súa insólita calidade, o listón está difícil de superar para os seguintes autores. A foto é de Félix Lorrio, captouse en 1977 e os dous rapaces agatuñaron nus a unha estatua dedicada aos heroes do 2 de maio en Madrid nesa mesma efeméride namentres unha multitude berraba "A follar, a follar, que el mundo se va a acabar". Resulta moi simbólico que ao baixar a moza esvarase e partise un brazo. Os grises, conta a crónica, encargáronse de disolver tal mostra de subversión.

A Transición, esa tan tranquila que agora nos queren vender, non foi tal no eido político nin tampouco no cultural. Entre 1968 e 1986 houbo unha mocidade cuxa arela era loitar por unha democracia real, afastada das vellas estruturas franquistas, e crear unha cultura diferenciada, que por ir en contra do institucionalizado podemos nomear "contracultura" sen que iso diminúa a súa relevancia.

Aquela mestura de desexo de democracia rupturista e liberdade creativa foi reprimida e excluída e toupou ademais coa catástrofe demográfica da mocidade dos oitenta. Apareceron a heroína, a sida e os accidentes de tráfico: a primeira matou a Pau Malvido; o segundo, a Eduardo Haro Ibars; a estrada, a Eduardo Benavente. Outros moitos viron vidas persoais e artísticas acurtadas no marco do que Labrador chama a Generación Bífida: Malvido tamén é coñecido como Pau Maragall, irmán do que sería alcalde de Barcelona e neto do gran bardo da literatura catalá. Dunha mesma fonte saíron os representantes da cultura do pelotazo e os da contracultura maldita.

Un dos principais persoeiros que estruturan o ensaio de Germán Labrador e Leopoldo María Panero. Pasan os anos e a súa vida e obra medran para converterse no auténtico símbolo da España posterior a 1975: fillo do poeta e falanxista Leopoldo Panero, ingresado en diversos psiquiátricos durante décadas, esquecido por moitos e agora cada vez máis reivindicado nos seus episodios de lucidez —entre os que se contou, por certo, escribir uns poemas para a revista luguesa Evohe—.

Namentres escribo as columnas que len todos os domingos, teño o bo costume de navegar polos programas de La Edad de Oro no arquivo dixital de TVE. Recoméndolles a experiencia. Se agora se emitise ou dixese un cuarto do que alí se facía e comentaba, habería que pechar a televisión pública entre os alporizados berros dos bempensantes. As loitas dos 70 e 80 fracasaron e con elas os seus protagonistas, no que levou á práctica desaparición dunha xeración que posibelmente tería cambiado por completo o panorama cultural español de ter pasado por riba dos suicidios, as enfermidades e o cárcere. Pero nalgures quedou unha semente que agora xermola no que se pode considerar unha obra mestra da análise cultural da contemporaneidade española, un libro totalmente imprescindíbel para comprender como chegamos á parálise e mediocridade da cultura institucional estatal.

Contracultura e transición
Comentarios