sábado. 30.05.2020 |
El tiempo
sábado. 30.05.2020
El tiempo

Contos para Julia

Non teño ningunha vergoña en declarar en público a miña absoluta tolemia pola miña sobriña máis nova e a miña disposición a ensinarlle a ler

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

ESTA SEMANA comezou a escola e para alí marchou Julia, a miña sobriña máis nova e ollo dereito. A súa condición de irmá menor dálle poucas vantaxes en xeral, pero unha importante é que xa atopa camiño aberto pola maior, á que xa lles presentei algunha vez como secundaria estelar destas críticas. A súa incorporación á escola con tres anos choca de fronte coa miña filosofía educativa persoal por unha razón: vai estar alí tres anos sen que lle ensinen a ler. Iso si, vai saber pintar cos dedos que nin Picasso.

Non teño ningunha vergoña en declarar en público a miña absoluta tolemia por ela e a miña disposición a ensinarlle a ler moito antes, digan o que digan os psicomestres. Por sorte para ela, estamos en setembro e o meu propósito fracasará. Pero, por se acaso, xa teño o libro perfecto para comezar: o Kalila e Dimna que vén de publicar hai pouco Acantilado, nunha tradución especialmente afortunada —por persoal e orixinal— de Nicole D’Amonville sobre unha selección de Ramsay Wood. Todo isto ten unha pequena pega: trátase dunha tradución indirecta porque obviamente a obra orixinal non está en inglés.

O Kalila e Dimna forma parte do patrimonio literario da humanidade dende hai máis de dous mil anos como unha peza do Panchatantra, a colección de fábulas de animais atribuída a Vishnú Sharma na cultura india. Os contos estendéronse ao longo dos séculos por todo o mundo. No Oriente aparecen en chinés, persa ou siriaco e ao español chegaron nada menos que en 1251, cando Alfonso X mandou traducir o texto árabe ao castelán. O Panchatantra non só é importante pola súa temática senón porque proporcionou un modelo que faría fortuna nas Mil e unha noites, Chaucer ou Boccaccio: o da escolma de contos cun fío narrativo que actúa como marco.

No tempo das novelas negras e as aventuras de dragóns, muros e non sei que máis, ir polo mundo cunhas fábulas indias pódese interpretar como un acto de subversión literaria. O sabio Bidpai, despois de ser terribelmente maltratado e rehabilitado, conta ao rei Dabzelim historias de animais para ilustrar uns principios de bo goberno que aínda a día de hoxe pagaría a pena seguir —sempre e cando supoñamos que os nosos gobernantes son quen de ler comprensivamente, ousada suposición—. Por exemplo: "As cousas feitas con precipitación non adoitan rematar ben. Arrepíntese en van quen non lembra o que fixo mal".

Seguindo o sistema de caixas chinesas, en realidade non é Bidpai quen conta a meirande parte das historias senón os dous chacais que dan nome á colección, Kalila e Dimna, e outros animais. A primeira parte xira arredor dun boi que se instala no reino do león, que o acaba matando polos manexos de Dimna o Detestábel. A segunda encadea relatos de distintos animais cun fío menos definido, algo do que teríamos que culpar ao editor, aínda que pouca culpa sería porque o conflito e a intriga permanecen fortes na narración.

Non lle vou ensinar a unha nena de tres anos o bo goberno. Ante ela han desfilar leóns, chacais, serpes, bois e paxaros con feblezas humanas, algo que lle gustará como a todos nos gustaron de nenos as fábulas de Esopo. Cun pouco de sorte descubrirá o mundo das letras denantes que os seus compañeiros. E senón escoitará a turra do seu tío, pasará a outra cousa e pensará en pintar cos dedos e xogar. Hai que andar con ollo, non vaia ser que a educación española se despiste e comece a crear Hildegarts e outros elementos subversivos e pensantes.

Contos para Julia
Comentarios