Conto de Nadal

Estaba imaxinándome hai pouco, nestas entrañables datas de Nadal, mirando un neno Xesús no medio das pallas do seu portal de Belén, que a pantasma do Nadal pasado puido ter visitado a un de tantos homes de ben e con uso de razón que hai neste laico país. A pantasma, quen sabe, estaríalle lembrando a súa infancia a ese home ao que, se fose galego, igual o Apalpador (figura de orixe tan descoñecido coma pecaminoso e obsceno resulta mesturar “apalpar”, “nenos” e “regalos” nunha mesma oración) ao non traerlle os presentes que quería lle fixo pasar unha mala infancia.

Digo que estaba imaxinando esa visita pantasmal porque, a estas alturas e coa Noiteboa xa pasada, a visita do outro mundo probablemente xa chegase con retraso. O que chegou no momento xusto foi a visita do espíritu do Presente, que conseguiu deixarnos a todos coa boca aberta e co corpo tremendo coas declaracións dun guía espiritual e pastor de ovellas descarriadas que está convencido de que os nenos van provocando…Provocando que? Non comulgo eu con outra provocación por parte dun cativo que non sexan as ganas de xogar, de aprender, de vivir, etc. Penso mal e acerto a descubrir o tipo de provocación que atopan os que miran aos pícaros con ollos e intencións suxas e o presente, o maldito espíritu do Presente, fainos ver e soportar como outros aparecen e parchean a verdade, barren a morralla e agachan o pó baixo a alfombra no canto de coller o lixo e botalo ao lugar que lle corresponde.

Seguindo co conto dos espíritus das Santas Compañas natalicias, atrévome a adiviñar que é o que o futuro depara. No meu delirio son capaz de adiviñar o enterro dese mesmo señor e, quen sabe, a un presunto Michael Jackson como único asistente a un funeral oficiado por todos aqueles que pensan como o falecido.

Atrévome a decir que a única certeza deste conto é que realmente os nenos están a desexar que desaparezan os Reis Magos se  con iso calquera atisbo de abuso a menores se esvae do mundo. Mentres, sigo a mirar ao neno Xesús no portal sen querer saber que opina dos contos de Nadal do seu 2007 aniversario.

Comentarios