Continuidade con reformas

AS DEPUTACIÓNS son necesarias e paréceme artificial e ata oportunista o debate xurdido a este respecto. Sobre todo tendo presente que os promotores iniciais desta controversia, que se presentan ante a opinión pública como acérrimos defensores da súa eliminación, non poñen reparos a cogobernalas e aseguran, sen pudor, que non hai contradición algunha entre o dito e o feito.

Claro está que dende a constitución destas institucións os tempos e as circunstancias cambiaron moito e, como no resto das administracións públicas, é necesario actualizar a súa estrutura e competencias para evitar duplicidades que lastren o seu funcionamiento e habilitar os cauces que permitan mellorar a súa eficiencia. Neste contexto, un dos asuntos pendentes de abordar, tamén de gran interese para os concellos, sería, por exemplo, a de redefinir a financiación das entidades locais.

Avogar pola eliminación das administracións provinciais, sustentando a proposta sobre o hipo tético aforro que delo se derivaría, é superficial e simplista. Supón fixar a atención sobre a punta do iceberg, despreciando todo o que hai máis aló da superficie, non avaliar o problema en toda a súa dimensión e evitar afondar na súa resolución definitiva que pasa, sen dúbida, por acometer unha profunda reforma estrutural da administración no seu conxunto.

Partindo entón de que é preciso flexibilizar a estrutura e atribucións da institución provincial, tamén temos que ter presente, como principio inamovible, que nunca deben verse nin entenderse as deputacións coma institucións en competencia con outras administracións. A colaboración institucional é sempre importante; nun momento como o actual, imprescindible. É tempo de sumar, de aproveitar sinerxias e de optimizar recursos.

Neste contexto da búsqueda da excelencia na acción institucional, á xa indicada colaboración entre administracións, imprescindible para facer un uso eficiente dos limitadísimos recursos públicos e para que as deputacións sexan o concello de concellos para o que foron concebidas, as institucións provinciais deben liderar (na situación económica actual con maior motivo) a posta en marcha de servizos mancomunados. Insisto en salientar que a axuda necesaria que as deputacións prestan ós concellos resulta hoxe máis importante que nunca, precisamente por mor da negativa incidencia da crise económica.

E tamén por este motivo, hoxe máis que nunca, resulta determinante que as deputacións respalden os sectores produtivos básicos, que lideren os procesos que melloren a súa competitividade e garantan o seu potencial produtivo. A promoción e mantemento do emprego debe, por motivos obvios, ser obxectivo prioritario, e un punto de partida básico neste eido é respaldar os sectores con tradicional e contrastado potencial, así, á produción láctea, cárnica e pesqueira, xunto co turismo e o comercio, hai que sumarlles novos nichos de desenvolvemento económico.

É sobradamente coñecida xa a miña opinión sobre a imperiosa necesidade de impregnar a acción do goberno provincial dos principios de austeridade, centrando o gasto nos cidadáns e optimizando a acción administrativa; eficacia, incrementando o investimento real, mellorando o nivel de execución orzamentaria e reducindo e controlando o endebedamento, e transparencia, cun estricto control e rigor no gasto, sempre rexido polas necesidades reais e os indicadores obxectivos e nunca polo amiguismo político.

En conclusión, si á continuidade das deputacións, polas funcións imprescindibles que realizan, e si tamén á súa modernización, pero no contexto dunha reforma global da administración pública.

(JOSÉ MANUEL BARREIRO é portavoz do PP na Deputación de Lugo e presidente provincial do partido)

Comentarios