Contido e continente

Nalgún medio lin que en Bos Aires deran coa gravación da voz de Federico García Lorca, realizada nunha emisora porteña, antes do seu regreso a España despois da sua estadía de seis meses naquel país e en Montevideo entre 1933 e 1934. A moitos resultaralles sorprendente non contar con este tipo de testemuños sonoros, cando xa daquela existian sistemas e medios de reproducción certamente avanzados; pero o certo é que praticamente estaban bastante limitados no sentido de constrinxidos ao mundo do espectáculo: canción lixeira, ópera, zarzuela, etc. Contamos, como se sabe coa voz de Castelao, que -entre outros documentos-, deixou a sua voz nun disco destinado a ser ouvido na estrea da obra ‘Os vellos non deben de namorarse’ en Montevideo. Curiosamente a mensaxe está en español, e quen a escoite comprobará que o seu é un castellano con acento netamente galego, isto é sen esas curiosas inflexións na entoación tan utilizadas hoxe por algúns, imitando o ton propio do idioma alleo, un dos máis evidentes signos de aculturización e de servilismo, compoñendo moitas veces un discurso chocalleiro. E o mesmo sucede coa entoación de Valle-Inclán, por poñer un exemplo de escritor galego universal, que produciu a sua obra en español, pero que falaba coa fonética que nos é propia. O asunto xurdiu o outro dia nunha tertulia de café, onde sairon a relucir diversas anécdotas, algunhas francamente divertidas. Ao abeiro dunha delas, un dos contertulios -Borja Álvarez- dou coa definición máis acaída: «Fíxaste máis no acento que no que din».

O problema é sumamente complexo, porque é grave e, infelizmente, non se limita unicamente ao ámbito do idioma. Na nosa veciñanza todos coñecemos persoas que, hai xa anos, bordeaban a ria e acercábanse a Tapia de Casariego, poñamos por caso, para matricular alí o seu veículo, e logo asegurar en ‘la’ Coruña que eran... de Oviedo. Pero isto é somente un sumario comentario, propio das columnas de prensa, polo que cinxirémonos ao asunto da língua co que comezamos.

Lonxe de nós calquer tentación próxima ao concepto de ‘policia lingüística’, ou á formulación de códigos lexislativos co conseguinte cadro de sancións, porque a língua non é a lei de tráfico. Tivemos ocasión de participar, como portavoz de política lingüística, nos debates finais e na aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que foi ratificado por unanimidade polo Parlamento o 21 de setembro do 2004, e estamos seguros da sua virtualidade. O malo é que segue inédito porque non se desenvolveu. Lembremos que establecia dous grandes bloques, o primeiro con obxectivos de carácter transversal relativos a dereitos lingüisticos, novas tecnoloxias e incentivación do corpus lingüístico. O segundo compúñano os chamados bloques verticais que se corresponden cos sete ámbitos sociais nos que se pretendía actuar: administración, educación, familia e mocidade, economía, sanidade, sociedade e proxección exterior da lingua. Ao parecer, ese consenso ainda se mantén, agás no partido que sostén o goberno, que é maioritario. Cómpre lembralo, particularmente para que fagan o propio aqueles que no seu día o apoiaron. Quizais non lles viría mal cavilar sobre a obediencia reflexiva e non sobre a debida.

Comentarios