viernes. 15.11.2019 |
El tiempo
viernes. 15.11.2019
El tiempo

Conta quen ama contar

Manuel Val García
Manuel Val García
Da Habana a Suíza, a vida do ullao Manuel Val García, afincado en Taboada, está chea de contos. Ás veces sobrepuxéronse á realidade da guerra, outras se alongaron en cartas para retar á emigración, e buscalos nun xornal é motivo para madrugar

HAI UN son inesquecible na vida do ullao Manuel Val García: o ruxerruxe dos vagóns chegando a unha estación de tren de Suíza. Nos 26 anos e tres meses que estivo alí, traballando, afastado da súa muller e dos seus pais, nunca se cansou dese son que todos os días oía dende a barra do restaurante no que traballaba -ou dende a cociña, porque había que facer de todo-. E se tanto lle gustaba, era porque viña ateigado de historias de todos os cantos do mundo. "Porque o meu eran os contos, e o seguen sendo", conta quen tanto ama contar. E quen tanto ten que contar.

Manuel Val naceu na Habana, un 25 de xaneiro do 1929, e viviu en Cuba dous anos, ata voltar cos pais a terra natal deles, Verín, en Antas de Ulla. Coa mesma precisión pronuncia outras datas da súa vida. O 29 de xuño de 1966, por exemplo, a data na que chegou a Suíza, e se convertía nun galego que vivira, dalgún xeito, nas dúas beiras da emigración. Ou o 7 de novembro de 2015, cando se mudou á residencia O Meu Fogar en Taboada, tras perder á súa muller, "e ao non ter descendencia".

Entre esas datas marcadas, a vida de Manuel escríbese en contos sobre as liñas do tren. Das novelas. Da prensa. Dos carteis. E hai un cartel que ten gravado na memoria, colgado nun carballo da aldea, no que poñía Fronte Popular, o nome da coalición de esquerdas que gañaría as últimas eleccións durante a Segunda República, antes do golpe de estado, da Guerra Civil, da ditadura. Manuel Val lémbrase do seu medo de cativo, cando con outros miúdos da aldea xogaba a fuxir das bombas e dos avións, facendo da realidade un xogo co que protexerse da súa propia crueza.


Dende a residencia O Meu Fogar, en Taboada, Manuel Val nútrese dunha vida de historias na Habana, Antas, A Coruña e Suíza


Entre unha aldea e outra, así pasou Manuel Val a mocidade, de faladoiro en faladoiro. "Aínda hoxe, a miña motivación para levantarme todos os días é ler a prensa, porque cando era pequeno só podía oír as historias da contorna, e porque agora é a forma que teño de manterme en contacto co mundo, xa que os anos conlevan soidade", conta. Conta quen ama contar.

A vida de Manuel Val semella ter sido difícil, pero hai algo no entusiasmo do seu falar que contradi esa percepción. Ata os 33 anos dedicouse á agricultura na casa familiar, e a esa idade casou con Segunda González, de Taboada, quen coidaría dos seus pais nas súas ausencias. A primeira foi de tres anos, na Coruña, onde traballou nun almacén da refinería doce horas ao día. "Voltei cuns cartiños para Verín, pero permanecín alí só durante un ano, xa que me apareceu unha boa oferta en Suíza". Esa foi a segunda, a máis longa. "Alí tamén podía facer horas extra, así que vivía case na estación de tren, pero gustábame moito porque nese lugar si que vivía historias, era un ir e vir constante de todos os países". O único que non lle gustaba era o francés. "Aburríame moito esa lingua. Escribíalle á miña muller, e iso animábame, porque o francés non me gustaba nada", conta.

Contar e amar. Ir e vir. Como se as historias necesitaran unha distancia para poder contarse. Unha liña de tren sobre a que escribirse. Unha ferida, talvez. Amar, contar. «Coa vida hai que conformarse, pero eu vivo dos recordos, que son os que alimentan a miña vida», conta, ama.

Conta quen ama contar
Comentarios