Construír sobre a ruína

A PIQUES estiven de titular este artigo cunha expresión moi nosa, co permiso presunto de Xosé Manuel Pereiro que a fixo súa, ‘Si, home, si’, equivalente a outras moitas que indican incredulidade ao mesmo tempo que avisan ao interlocutor de que somos conscientes do engano.

Triunfalista, malia non querer parecelo, o presidente do Goberno gábase de ter saneado a economía e de estarmos a saír dese túnel que é a metáfora máis que manida da crise. Esgrime a baixada da prima de risco e a diminución do paro. Si, home, si.

Concedámoslle o da prima porque á vista está, aínda que seguramente xogaron a favor da baixa moitos máis factores que as políticas de austeridade practicadas polos que nos rexen. En todo caso, é o premio á obediencia cega aos mandatos da Troika. Porén, o do paro xa é outro cantar. Como se pode dicir que aumenta o emprego se a cadora son menos as persoas que cotizan na Seguridade Social? Acreditaremos nas súas afirmacións, señor Presidente, cando nos diga tamén cantas emigraron e cantas se borraron, por desánimo, das listas do Inem. Só así saberemos, finalmente, cantas acharon un posto, ou medio posto, de traballo.

Dígalles, señor Rajoy, aos que fan cola nos comedores sociais ou nas ONGs que reparten alimentos, que vostede ve, non só o futuro, senón tamén o presente con esperanza. Dígallelo despois de lles explicar como medrou a fenda que separa aos pobres dos máis ricos. Váialles coa milonga de que somos un exemplo para Europa aos discapacitados e ás súas familias que sofren a miseria por partida dobre.

Se o país é o gran capital, a banca, non hai dúbida de que vostede é o seu salvador. Se o país somos nós, a xente, os pequenos empresarios, os obreiros en situación precaria, os parados e paradas, os pensionistas, nada lle debemos. Ou si: debémoslle o asasinato da ilusión e a esperanza.

Era preciso recortar, reducir gastos para medrar despois, aseguran. Algo así como achandar o terreo para construír. E soa ben. Mais non contan que non o souberon facer, que sobre o gran predio fican os cascallos que non logran ocultar as vítimas do derrubo.

Derrubar e preparar o terreo para construír é un labor experto que esixe pericia e certa calma. Vostede e os seus apresuráronse a dinamitar edificos habitados sen buscar un realoxo antes ás persoas que albergaban. E seguen a facelo como se fosen donos da vida e o futuro. Hanme perdoar, xa que logo, se non lles desexo futuro. Vida si, para que teñan tempo de recapacitar sobre a maldade do sistema que defenderon co sangue dos que o sufrían, nunca co propio. Longa vida para que comproben que se pode construír sen provocaren a ruína.

Comentarios