Constantino Lage: "Para catro días que imos vivir, podiamos facelo mellor"

Todos me coñecen por Chas. Nacín en Nogarido, na parroquia de Chavín, ao pé do taller de carrocerías que tiña Barro. Pasei moitos traballos, porque antes había moita fame e era dunha familia moi humilde. Desde os 14 anos andiven ao mar, ao casarme traballei nun forno de pan, logo montei unha churrería, que atendía a muller, e despois volvín ao mar
Constantino Lage Albo 'Chas'
photo_camera Constantino Lage Albo 'Chas'

O viveirés , que agora conta con 88 anos, pertence a unha familia de oito irmáns que tivo que loitar moito para saír adiante.

Como foi a súa vida?

Pasámolo moi mal, andivemos descalzos e como se puido. A meu pai prendérono cando foi a guerra. No 1947 só había cinco coches en Viveiro e a xente quéixase agora. Non me gusta chugar, pero hoxe teño máis roupa que tiñamos os oito irmáns.

Vostede foi ao mar, con cantos anos empezou?

Sempre andiven ao mar, dende os 14 anos. Lembro cando na Concha botaron un submariño.

Traballou moito, verdade?

Si, miña nai tamén, era a Chavinesa e saiu moi traballadora. Deciame: «Se tes 20 gasta 18, porque se gasta 21, malo, Chas».

Pasaron moitas penurias?

Viviamos nunha casa tres familias, tiña tres habitacións e tres cociñas para 32 persoas. Daquela non había paro e iamos ao mar descalzos. Pasábanse moitos traballos, hoxe tírase a roupa. Cando me casei non levaba nin con que taparme. Fumos para unha casa cunha soa habitación e unha lareira. Daquella metinme a traballar nun forno de pan, onde gañaba 700 pesetas -4,20 euros-. A miña muller tiña catro ou cinco casas de labores. Aínda lembro cando mercamos unha radio a prazos, na que escoitaba a onda pesquera. Queríanma comprar, pero non a vendo.

Viviron vostedes diso?

Logo montamos unha churrería. Un home díxome no Naseiro que un de Ferrol vendía unha e pedin autorización para comprala. Daquela tiña aforradas 10.000 pesetas. Despois me enterei que vendían unha casa que estaba ocupada. Cheguei a un acordo co dono por 100.000 pesetas. Ás inquilinas pareceulles mal e non querían irse. O notario falou comigo e por medio dun avogado mandou unha carta dándolles cinco meses para saír.

Botaba en falla o mar e voltou.

Sempre andaba cavilando e dixenlle á muller que ía comprar unha lancha para traballar só. Cañahueca ofreceume unha que non tiña motor e logo me fiaron para mercar un. Comprei os xeitos na Coruña e volvín para o mar. De día estaba na churrería, que tivemos 32 anos, e de noite no mar. Un veciño dicía que non sabía cando durmía. Teño durmido dereito co botiquín que levabamos ás festas. Traballábase moito porque senón non había que comer.

Ten vostede moitos amigos?

Tiven amizades con todo o mundo, pero hai quen fai un favor e non se acorda máis, eu agora cuido as fincas que me deixaron cando me fixo falta. Para catro días que imos vivir aquí, podíamos vivir moito mellor.

E dende cando ten a horta?

Teñoa dende hai xa 30 anos. A finca está partida pola vía do tren. Do outro lado fixen unha caseta para os animais. Cando fixeron a estrada -a variante- chamáronme da Xunta para que buscase aos donos das fincas. Dixeronme que non me collía nada e gardei os planos, pero cambiaron o proxecto. Chamei a Lugo e dixéronme que non deixase tocar nada sen arranxar e pagáronme todo o que colleron, incluidas 300 coles en morteiros. Busqueilles todo o recheo. Os de Dragados quedaron de facer un zona de atraque para as lanchas e unhas escaleiras para subir á estrada. Despois dixeron que o embardoiro non o facían.

Que pranta?

Poño pementos, tomates, leitugas, xudías, cebolas... Antes vendiamos na praza moita leituga e patacas. A muller sacaba botes de esterco do mar e eu labraba toda a terra por aí adiante. Esas coles non as ten ninguén. Canto máis vella é a semente menos florea.

Xa non vai ao mar?

Teño tres barcas vellas, pero xa non ando nelas. Agora bótolle herba verde e esterco das galiñas e dos coellos.

Calquera pode traballar na horta?

Non hai que ter moito coñecemento, hai que traballar. Logo se aprende, pero non se quere.

Pero a calidade é mellor.

Como o natural non hai, pero hai que sulfatar, senón os tomates non os colles cando vén o vento do sur, das Pontes ou da Alúmina, rompe todo.

Traballou en máis sitios en terra?

Cando deixei o mar, traballei na lonxa en Celeiro con meus irmáns. Había catro compradores da Coruña e paleaba o xeo para todos.

Agora a xente deixa o campo.

O principal dun país é a agricultura. Haberá xente que teña moitos billetes, pero sen comida hai que comprar fóra e iso non sabe como o de aquí. Hai moita diferencia.

Vai tódolos días á finca?

Teño que dar de comer aos animais, que non falan, pero entendemento teñen.

Comentarios