Conquistando a primavera

A PRIMAVERA, como ‘la donna’ da ópera Rigoletto de Verdi, ‘ è mobile qual piuma al vento’. E digo a da ópera porque, aínda que o autor do libreto sexa esencialista, por facer categórica a súa afirmación, a muller en abstracto non existe, existen as mulleres e hainas volúbeis, cambiantes, e tamén as hai firmes, estábeis como rochas que ningún vento podería mover.

Tampouco non existe a primavera en abstracto, senón as primaveras, mesmo como medida da idade, aínda que rara vez son ecuánimes, se se me permite a personificación. Desde logo que a deste ano xa comeza facendo boa a miña comparanza e non desmente o refraneiro que nos avisa do «marzo marzán, pola mañá cariña de rosa e pola noite cara de can» ou «marzo marzolas, trebón e raiolas». E se só me refiro a este mes é porque, evidentemente, os outros nos que tamén se sitúa a estación florida aínda non deron a cara.

Porén, en rigor, o meu artigo non discorre por aí. Eu quero falar da primavera como estado de ánimo e non da súa realidade material. Acrediten, se o teñen a ben, na miña experiencia que me di que os estados de ánimo non son resultado da fatalidade, senón, a miúdo, unha conquista. Porque os hai ‘de animal san’, eses que responden a un bo sono e unha boa dixestión, por non entrarmos en máis detalles, e hainos como resultado dunha actitude positiva autoimposta, produto da vontade firme de sermos felices.

Non serve dicírmonos que non podemos ser felices a causa de tal ou cal problema, dun ou doutro malestar, desta ou daquela frustración ou desgraza. Se a primavera se negase a si mesma por mor do frío ou a chuvia, pasaría o verán e viría o outono sen que nos chegasen os seus froitos. Así a nosa vida, se fica ensilvada en queixas e derrotas mentres os días pasan inexorábeis, transcorre en balde. Non é cousa, xa que logo, de agardar mellores tempos para namorarnos dela e tirarlle todo o seu zume.

A primavera é promesa de futuro, fe no crecemento das cousas que apenas agroman; anuncio de sol desde a fermosa insignificancia do amarelle ou narciso, desde o panqueixo e a tollemerendas; progreso, tan lento como persistente, da luz. A primavera en nós é vontade de ser e de vivir, de non nos deixar engulir polas circunstancias.

Non, a verdade é que as circunstancias non están para botar foguetes. E tamén é certo que os cambios estacionais veñen ás veces acompañados de depresión, disque debido á baixada da serotonina, a hormona do benestar. Sexa como for, que lles parece se nos lanzamos á conquista da primavera? E non pensen, por favor, que ando a dar leccións de autoaxuda: non fago outra cousa que ler no libro da Natureza.

Comentarios