Conquistadores

Co arrecendo do aniversario mundialista toca agora sacar fachenda con outra xesta sen igual, das que tamén fan historia. Unha cousa é meterse nas semifinais da Copa Davis –algo que nos últimos anos comeza a ser habitual para España–, pero realmente meritorio é eliminar os americanos no seu feudo, na súa pista rápida e ante dous cañoneiros da envergadura como son Mardy Fish e Andy Roddick. Coa ausencia xustificada de Rafa Nadal e a crise de identidade que atravesa Fernando Verdasco poucos daban un peso pola Armada, pero unha vez máis aflorou o espírito de Mar de Prata e España acaboupor tomar Texas ao igual que fixeran os antigos conquistadores españois.

Por momentos non se sabía moi ben onde se estaba a xogar a eliminatoria. Feliciano López e David Ferrer semellaban gladiadores desmedidos no seu xogo, na súa fe cega no triunfo; cre- cidos ante un equipo americano decaído, necesitado de alicientes. Os Estados Unidos, como dicían algúns xornalistas no derradeiro US Open, ansían atopar o seu propio Nadal. A sombra dos McEnroe, Agassi ou Sampras aínda é moi alongada e alí precisan heroes, non poden vivir sen “fabricar” ídolos de masas. Ata Jim Courier, o capitán americano, miraba para o chan desconsolado, incapaz de virar o pulso da eliminatoria. Na súa etapa profesional tamén lle tocara morder o po ante aqueles precursores desta xeración de ouro; os Albert Costa, Sergi Bruguera…

Con aqueles referentes xorde esta xeración que creceu a golpe de raquetazos, impulsada polo talento e protexida por ter con eles un súper clase como é Rafa Nadal. Esta España xa non ten  complexos, xa non é aquel equipo que se engurraba cando xogaba lonxe da terra batida. É un grupo con calidade dabondo, sufridores no xogo, humildes na actitude e o máis importante, cunha clara convicción do que supón defender a España na procura da Grande Ensaladeira. Agora en setembro agarda Francia, e se cadra na gran final nos atopemos cos actuais campións, coa Serbia de Novak Djokovic. ¿Imaxinan un Nadal-Djokovic no partido definitivo por lograr a Davis? Teñan paciencia. Hai que ir chanzo a chanzo. O que xa non nos pode quitar ninguén é a reconquista de Austin, de Texas. Xa postos, podían darnos uns cantos barrís de petróleo, ¿non?

Comentarios