Á conquista de Ourense

O festival de cine acolleu a presentación en Galicia de ‘'Dhogs'’ e premiou, na sección Escola, obras dos IES Poeta Díaz Castro e Basanta Silva

O audiovisual xurdido nas beiras dos ríos chairegos viaxou polo Miño rumbo ao Festival Internacional de Cine de Ourense (Ouff) onde colleitou un considerable éxito. Por unha banda, dous traballos escolares levaron sendos premios no Ouff Escola e, pola outra, a ópera prima do meirego Andrés Goteira, ‘Dhogs’, que vén de gañar os premios á mellor película e mellor actor no Nocturna madrileño, podíase ver por primeira vez nas salas galegas.

Dos seis premios concedidos, entre 74 traballos realizados por máis dun milleiro de escolares na oitava edición do Ouff Escola, dous recaeron en creacións do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz e do IES Basanta Silva de Vilalba.

«O proxecto xurdiu da biblioteca, onde fixemos un obradoiro con 16 alumnos de cuarto da Eso, con seis sesións coordinadas por Cristina de la Torre», explica o profesor Santiago Dans sobre o xerme de ‘Algo pasa en Guitiriz’, «un traballo colectivo feito polos rapaces, porque o obxectivo, máis que o resultado final, era que se interesasen polo proceso».

'Algo pasa en Guitiriz'’ e '‘O rumor'’, elaboradas por alumnos de cuarto da Eso, foron distinguidas entre un total de 74 traballos

Como a peza final lles gustou, remitírona a varios certames, cunha gran acollida, xa que tamén foron finalistas no OlloBoi de Boiro. Este é, ademais, o seu segundo premio no Ouff, tralo da curta ‘Os camiños esquencidos’.

‘O rumor’ é o proxecto que levou a un grupo de máis de 20 alumnos de cuarto da Eso do IES Basanta Silva a acadar a súa distinción, grazas a un exercicio de clase impulsado polos profesores Marcos Maoxu, José Luis Carrasco e Lucinio Medel e que contou coa colaboración do grupo Magical Colors na banda sonora.

Por outra banda, o equipo de ‘Dhogs’ fixo a súa primeira parada galega en Ourense, logo de pasar polo Bafici arxentino, o FrightFest londinense ou Sitges. «A estrea galega do filme no Ouff era un momento moi esperado e desexado por todos nós», din os responsables da película, destancando sobre todo que «por fin xogabamos na casa e faciámolo no festival de cine máis importante da nosa comunidade, rodeados da nosa xente, das nosas familias, amigos, veciños e todos cantos fixeron posible que ‘Dhogs’ saíse adiante».

Tras vivir esta experiencia única, din que só poden «agradecerlle ao festival que apostase por nós, en especial ao seu director artístico, Fran Gayo», ademais de lembrar o apoio de Agadic, Deputación de Lugo, Concello de Meira, Cervexa Ancora, Galipizza, Galicia Calidade e máis de 300 colaboradores.

‘