Coñecemento e sabor dentro da natureza

O IES Basanta Silva de Vilalba celebrou as cuartas xornadas 'Do monte ao prato', onde a micoloxía é protagonista a través de saídas ao monte, exposicións e gastronomía, para achegar á poboación un tema considerado «tabú» ata hai pouco.

Toda acción entraña un coñecemento, algún xa adquirido previamente e outro que xorde a medida que se actúa. Por iso, moitas veces a práctica é o que realmente dá o saber e iso, en parte, é o que se pretende coas xornadas de micoloxía ‘Do monte ao prato’ do IES Basanta Silva de Vilalba, promovidas polo propio centro e a Anpa do mesmo.

A iniciativa alcanza este ano a súa cuarta edición e non deixa de ser un éxito, sobre todo para todo aquel que participa nela a través de calquera das súas actividades, nas que o alumnado é o principal protagonista. «É algo que debería de fomentarse na maioría dos centros, pero que aínda custa porque a micoloxía foi un tema un pouco tabú ata hai pouco tempo ou podería dicirse que aínda o segue sendo», afirmou o micólogo José Luis Cuba, un colaborador fixo destas xornadas.

Cuba encabezou a actividade coa que abriron, unha saída ao monte na que participaron os 21 alumos de primeiro de BAC que teñen a materia de Bioloxía. Eles encargáronse de recolectar as preto de cen variedades que recolleron este ano e que formaron parte da exposición que se puido ver no instituto vilalbés a semana pasada.

Os alumnos de Bioloxía de primeiro de BAC recolleron nunha saída preto de cen variedades de setas, coas que se fixo unha mostra

«Moitos deles estaban impresionados e con moitas dúbidas, como se se podían coller ou probar. E eu dígolles que pode probarse e tocarse todo, e reaccionaban con moita sorpresa, como cando probaron as ‘russulas’, que teñen un gusto picante», recorda o micólogo.

O vicedirector do centro, Carlos Gómez Osa, apoiou esta opinión e engadiu que a micoloxía «é un mundo que non coñecen ou coñecen pouco» e que, por exemplo, «se estráñan da gran cantidade de variedades que hai comestibles, pensan que só hai dúas ou tres», polo que este tipo de saídas é algo «moi atraente para eles» e no que adquiren moitos coñecementos.

O paseo polos montes das parroquias de Torre, Belesar e Alba non puido ser máis fructífero, xa que, ademais da gran cantidade de especies de cogomelos que recolleron, hai que engadir que apañaron «algunhas que nunca colleramos», dixo Gómez Osa.

José Luis Cuba pola súa parte afirmou que «para o tempo que esta a haber agora mesmo, con tanta seca, non houbo queixa», e destacou variedades como Sparassis Crispa, Boletus Calopus e Edulis, Lepista Nebularis, Collybia Maculata, as Cantherellus e «diversas lactarius e russulas, sen descoidar as samaritas».

Con respecto a como se presenta a temporada de recollida de setas, Cuba recoñece que «dependendo das zonas, é moi variable», e pon como exemplo as áreas do Caxado, nas Pontes e da Serra do Xistral, onde «debido ao microclima que hai polas néboas constantes, houbo unha eclosión desbordante de boletus aos tres días de chover, pero que xa finou debido á recollida abusiva».

A exposición, localizada no hall do instituto e que estivo aberta a todo aquel que quixera visitala en horario lectivo, serviu para recrear os hábitats dos cogomelos e identificalos según a súa variedade, ademais de informar sobre se eran comestibles ou non ou do seu grao de toxicidade, chegando a haber algún exemplar tipificado como mortal.

 Divulgación Profesores e micólogos destacan que as xornadas serven para que os máis novos se adentren nun mundo «pouco coñecido»

A mostra xerou moita expectación entre o alumnado e o persoal docente do instituto vilalbés, pero tamén nos case 90 nenos da Escola de Educación Infantil (EEI) da capital chairega que foron visitala, como fan todos os anos.

Alí seguiron con atención a explicación de Carlos Gómez Osa, que lles falou de como chegaran os cogomelos ata alí, de cales son os máis saborosos, que hai exemplares que non son comestibles para os humanos pero si para os animais ou que hai outros que son moi perigosos no caso de inxerilos. Tamén tiveron a oportunidade de tocar algúns.

MENU MICOLÓXICO. Outra actividade típica destas xornadas centradas na micoloxía do IES Basanta Silva é a gran cea aberta ao público en xeral que preparan e serven os propios alumnos, concretamente os de primeiro de BAC, co obxectivo de recadar fondos para a excursión de fin de curso, en colaboración con varios cociñeiros.

Así, á trintena de mozos que arrimaron o ombro para celebrar o banquete, uníronse Antonio Díaz, do restaurante Andarubel das Fragas do Eume; Ángel Campos, do Parador de Vilalba; Vicente González, cociñeiro afeccionado vilalbés; e Carlén Villares, do comedor do instituto.

Entre todos, elaboraron un novedoso e traballado menú -as tarefas xa comezaron a tarde antes da cea- con sopa Samaín con tropezós de outono, pastel de mix de cogomelos con maionesa de cítricos, rissoto de Boletus Edulis e marmelo de mazás con Chantarela Cibarius e requeixo. Todo elo preparado con produtos cedidos por firmas locais como Champivil, Queixería Prestes, Carnicería José Manuel e Distribucións Cabarcos. A elas uníronse coa sua axuda nestas xornadas Comedores Ubaldo e Autos Llano.

A iniciativa resultou de novo un éxito, xa que logrou reunir a máis de 130 persoas. «O da comida é o que máis éxito ten, desde sempre e vai a máis. Empezamos sendo 70 e este ano foi case o dobre», destacou Gómez Osa, quen só ten boas palabras para estas xornadas de micoloxía. «As saídas tamén teñen moi boa acollida. Xa hai unhas 20 persoas apuntadas para a do domingo. A xente aproxímase a este mundo da man dunha persoa experta como é Luis e de forma moi pedagóxica», apuntou.

Comentarios