Concorrida reunión familiar

COLE ROMAN ANIVERSARIO 11.JPG
photo_camera COLE ROMAN ANIVERSARIO 11.JPG

Unha concorrida e emotiva reunión familiar. Iso foi a celebración do 25 aniversario do Ceip Terra Chá de Román, aínda que iso si, con invitados ilustres coma o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o xefe territorial de Educación, José Jesús Ramos Ledo, o director xeral de Recursos Humanos, José Manuel Pinal, o alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, os concelleiros Jesús Bermúdez, José María García-Leira e Iván Fernández, o responsable de Protección Civil, José Franco, ou o xefe da Policía Loca, José Alonso.

Mais os protagonistas do acto non foron eles, senón os catro homenaxeados por todo o traballo feito a prol do centro nestes 25 anos. Trátase das mestras Marina Vázquez e Josefa Prado e da axudante de cociña María Teresa Pico, así coma o conserxe Darío Díaz.

A cita, á que non faltaron os dous antigos directores do centro, Visitación Rouco Varela e Jesús Novo, serviu tamén para dicirlle adeus ás mestras que non estarán o vindeiro curso, coma a propia Josefa Prado, por xubilación, ou Ana Lema, Melanie Coedo, María Jesús Veiga, Lucía Lorenzo, Yelina Barbeito, Elena Freire e a directora Silvia Cantalapiedra, que deixa o centro tras 21 anos nel.

Un exalumno do colexio, Marcos Fernández, foi o encargado de pórlle a música, coa gaita e a trompeta, a un acto no que tamén interviron activamente os alumnos de sexto de primaria na que foi a súa despedida das aulas de Román. Interpretaron o tema ‘Cuando me vaya’ cun repaso de imaxes e instantes do curso e foron os encargados de entregalle un diploma ás autoridades.

animación. Logo do acto máis protocolario chegou a hora da animación, coa actuación da orquestra Acapa Show de Muimenta, unha sorpresa dedicada especialmente ó novo director do centro, Gonzalo Eiras, membro da formación. Os menores puideron xogar nuns inchables sufragados pola asociación de veciños e pola Anpa do colexio mentres todos os presentes, unhas 400 persoas, compartiron uns pinchos para pechar a celebración.

A única nota negativa a esta xornada festiva púxoa a ausencia dunha parte do actual plantel de profesores de centro, feito polo que amosaron o seu malestar un grupo de pais presentes na celebración do 25 aniversario do Ceip Terra Chá de Román.

Comentarios