Comisión por omisión

A COMEZOS DE FEBREIRO deste ano dedicamos esta coluna a un tema recorrente, tanto para nós como para o goberno do Principado de Asturias e o Concello de Castropol, que afecta a un dos nomes da terra, o que lle confire un carácter extralocal, ao que nos acollemos para volver sobre o asunto unha vez máis: o nome legal da Ria de Ribadeo, porque o deturpado 'Ria del Eo' é ilegal. O primeiro que chama a atención é o desleixamento do goberno municipal de Ribadeo, consentidor por pasiva da situación e tamén colaborador activo, xa que compre lembrar que patrocinou un libro sobre a Ria con duas versións: unha en español onde campa 'Ria del Eo' e outra en galego co nome propio. Ou sexa todo unha exhibición de covardia por decilo moi polo mainiño. E outro tanto compre afirmar da Xunta de Galicia, onde tal despropósito do nomenclator habita desde xa hai moitos anos, a pesar das numerosas 'excitacións' que se lle teñen feito —mellor dito temos— por via parlamentar.

Agora mesmo, a 'Reserva de la Biosfera Río Eo, Oscos y Terras de Burón' (sic) ven de editar un folleto sobre o Centro de Interpretación de la Ría del Eo. E nel hai varios detalles que nos chaman a atención, comezando pola portada do tríptico onde aparece un paxaro de pico moi longo, que pode ser un zarapito trinador, pero que nós temos como un avisador do que nos agarda no lugar que nos convidan a visitar, isto é unha especie de Pinocho alado ao que lle medrou o nariz por contar mentiras. A contraportada é tamén todo un alarde, xa que pretende sinalar cómo se chega a un lugar inexistente, ou sexa da man de Peter Pan, xa que a 'Ria del Eo' está no País de Nunca Xamais. Tamén hai unha chamada a cuidar o entorno e as figuras da exposición, algo certamente chusco cando os promotores do pendello comezan por non respeitar a legalidade. En marzo do ano 2008 a Comisión Especializada de Nomes Xeográficos do Consello Superior Xeográfico do Ministerio de Fomento, acordou que o nome Ria de Ribadeo sexa o único oficial recoñecido. Non se trata dunha decisión vertolán, senón razonada logo de ver todo tipo de informes e ditames. Por iso din que "considerando que a denominación Ria de Ribadeo está xeralizada en toda a cartografía hidrográfica, atlas e publicacións xeográficas de carácter científico, a nivel mundial, non hai nengunha razón para que se cambie esa denominación pola de Ría del Eo que, como queda demostrado, é un topónimo creado recentemente e erróneo".

Estes días se non outra cousa, a todo o mundo lle quedaria claro en qué consiste a prevaricación: a adopción de algunha resolución por parte da autoridade, a sabendas de que é ilegal. Pois ben, cremos estar perante un caso de prevaricación en comisión por omisión: "...cando é imperativo realizar unha determinada actuación administrativa e a sua omisión ten efectos equivalentes a unha denegación", segundo recolle a Sentencia do Tribunal Supremo 674/1998 de 9 de xuño. Un bon alicerce para comezar.

Comentarios