Comida para gatos capados

ESTE É UN anuncio de televisión. En realidade non é ese exactamente o titular do anuncio; din: comida para gatos esterilizados. Nunca deixas de aprender cousas novas. Hai comida para gatos noviños, para gatos adultos, comida con control bólas de pelo, comida con control tracto urinario... O prezo, aproximadamente, 6 euros kilo, e, segundo poñen nas etiquetas, pode levar pavo, polo ou peixe.

Os gatos, no noso pasado recente, cumprían unha necesaria función de control da poboación rateril: ao seren os seus mellores depredadores non había casa gandeira que carecese de gatos nen cortes sen arañeiras. Uns, os gatos, imprescindíbeis para limitar a expansión dos ratos e outras -as arañas- para controlaren tamén a poboación de moscas e demais acompañantes do gando paisano. Á vez gatos e cans desfrutaban de trato doméstico con papeis e funcións imprescindíbeis na vida do campo. A caza e os cans de idem existen onde hai monte común ou particular e os cativos de cada casa, xunto co goce da compaña dos pequenos animais domésticos, souberon sempre realizar atropelos e crueldades varias, como bons aprendices de depredadores adultos. No presente, é inútil falar de gatos e ratos porque do seu papel como cazadores só lles debe quedar o recordo. É case imposíbel imaxinar o baldreu de bicho que sae no anuncio da tele adicado á caza de nada. A súa acompañante humana nen sequer parece saber o que é un rato, por iso comprou un gato de raza recoñecida, desparasitouno, vacinouno, levouno ao veterinario á revisión periódica como se fose un auto en garantía e pediu, e pagou, a esterilización feita tamén por expertas mans e con todas as garantías sanitarias, porque non é recomendábel asumir riscos en cuestións de saúde gatuna. Estes gatos, que de maneira tan pretensamente correcta chaman esterilizados, é dicer, capados, semellan o remedo en eunuco dun gato dos de sempre.

Se estou no limite da bulra sarcástica a piques de ferir a sensibilidade dos amantes dos animais domésticos (sen vínculo coa produción de alimentos humanos), só estou intentando desvendar a onde chega a desigualdade nesta sociedade, e nesta etapa. Hai empresas de alimentación animal que teñen tal necesidade de beneficios que anuncian en TV, e repercuten no prezo final, comida para animais domésticos de compaña, especialidade ‘estériles’. O único que nos indica este feito é que hai demanda de abondo: aqueles que desfrutan dun nível de ingresos -e que son influidos polos anuncios de televisión- tal que se poden permitir, sen quebranto algún do seu benestar, gastar en manter un gato capado con todos os coidados que indican pola tele. Nós, volvendo ao recorrente e inxusto tema da desigualdade, só podemos lembrar o que significan 6 euros de proteínas (uns 48 ovos) para quen carece absolutamente de alimentos, por exemplo, para nenos galegos de familias sen un só ingreso. Son europeos dunha sociedade na que hai de sobra en comida para gatos capados -sen sobrepeso- e non hai para comedores escolares. Non hai máis para onde mirar.

Comentarios