Comezan as obras do albergue da Fonsagrada, que debe abrir este ano

Permitirán mellorar os servizos para os peregrinos e recuperar un edificio declarado ben de interese cultural
Os traballos comezaron coa retirada de cascallo
photo_camera Os traballos comezaron coa retirada de cascallo

As obras de rehabilitación da Casa Pasarín da Fonsagrada para convertila en albergue de peregrinos xa comezaron e teñen un prazo de execución de doce meses, polo que está previsto que rematen dentro deste ano. A Xunta adxudicou os traballos a principios do mes de xaneiro á empresa Construcciones Onega S.L., por 401.938 euros máis Ive, e a delegada territorial en Lugo, Raquel Arias, indicou naquel momento que a intención da Administración galega era que o novo albergue estivese operativo a finais deste ano.

Estas obras eran unha conta pendente coa Fonsagrada, pois o inmoble estaba adquirido desde o ano 2009 e, aínda que está catalogado como ben de interese cultural, atópase nun estado ruinoso e con risco de sufrir danos irreparables.

Trala declaración do Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade, a Xunta decidiu retomar o proxecto que tiña abandonado e habilitar o albergue para dar servizo aos peregrinos que se espera que percorran esta ruta xacobea atraídos pola nova distinción.

O edificio está situado no casco antigo da vila da Fonsagrada, moi preto da igrexa e da fonte. En tempos, foi unha das casas fortes da localidade e presenta o deseño típico dunha vivenda señorial de casco urbano.

Raquel Arias apuntou que a intervención no edificio pretende "recuperar unha construción catalogada como patrimonio cultural, dar solución aos peregrinos e contribuír a dinamizar a economía da vila".

O actual albergue da Fonsagrada quedou pequeno para acoller o número de peregrinos que pasan pola localidade e presenta deficiencias. Ademais, está apartado do centro da vila, polo que dificulta o acceso dos camiñantes ás tendas e servizos.

Comentarios